Emigración publica a proposta dos beneficiarios no programa Conecta co Voluntariado
A iniciativa destínase a persoas galegas residentes no exterior de entre 21 e 30 anos, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.
O programa desenvolverase do 8 ao 19 de setembro e os participantes aloxaranse no campo de voluntariado de Castro de Viladonga en Lugo.
Os participantes descubrirán aspectos da historia xacobea e do patrimonio cultural galego.
A Secretaría Xeral da Emigración publicou hoxe a proposta dos beneficiarios seleccionados no programa Conecta co Voluntariado da Secretaría Xeral da Emigración que se volve a desenvolver este ano en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Política Social. Tamén se publicou con antelación a listaxe dos 60 admitidos e excluídos nesta iniciativa.
“Conecta Voluntariado Galicia” ofrece 20 prazas para que mozos e mozas galegas residentes no exterior de entre 21 e 30 anos poidan coñecer Galicia a través de actividades que se desenvolverán no campo de voluntariado de Castro de Viladonga, en Castro de Rei, Lugo, entre o 8 e o 19 de setembro.
O programa realízase coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Política Social, así como coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación.
Esta iniciativa ten coma obxectivo promover os lazos con Galicia a través de actividades de colaboración desinteresada e voluntaria a través de traballos diversos na procura dun maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental da nosa contorna e da recuperación do patrimonio cultural. O plan do traballo compleméntase cun programa con actividades de convivencia, formación e tempo libre.
A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación da colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social, o desenvolvemento de actividades culturais, de accións solidarias e tempo libre dirixidas á xuventude do exterior, así como o fomento da participación dos mozos e mozas descendentes de galegos nos programas e servizos a favor da xuventude.
As listaxes poden consultarse na seguinte ligazón: https://emigracion.xunta.gal/actividade/lista-a-convocatoria/listaxes-definitivas-das-persoas-admitidas-e-inadmitidas-programa
Novas relacionadas




