140 mozos e mozas do exterior participaron en diferentes programas da Secretaría Xeral da Emigración durante o presente ano
Cos e coas 17 participantes do programa Conecta Voluntariado Galicia, que Rodríguez Miranda recibiu esta mañá, son 140 as e os nados ou descendentes que descubriron a cultura, historia e patrimonio de Galicia.
Este programa, que se desenvolve en colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude e a Consellería de Cultura e Educación, destínase a galegas e galegos residentes no exterior de entre 21 e 30 anos, e levarase a cabo do 8 ao 19 de setembro.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu esta mañá no aeroporto de Alvedro, na Coruña, ás e aos participantes no programa Conecta Voluntariado Galicia que, nesta ocasión, proceden de Arxentina, Brasil, Venezuela, Cuba e Uruguai.
Este programa, que se realiza coa colaboración da Dirección Xeral de Xuventude da Consellería de Política Social, así como coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Educación, permite que 17 persoas nadas en Galicia ou descendentes de emigrantes galegas e galegos de entre 21 e 30 anos teñan contacto coa realidade galega, supoñendo para moitas e moitos deles a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra das e dos seus devanceiros e as xeracións da familia que quedaron na Galicia territorial.
As actividades, que se desenvolverán no campo de voluntariado do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, Lugo, entre o 8 e o 19 de setembro, servirán para que os mozos e mozas teñan un maior coñecemento da nosa cultura, da mellora ambiental da nosa contorna e da recuperación do patrimonio cultural.
Coa chegada destas e destes 17 participantes e cos e coas integrantes dos programas Conecta co Xacobeo e Conecta con Galicia, serán 140 os mozos e mozas que tiveron a oportunidade de vir o presente ano á nosa comunidade para vivir a experiencia do Camiño ou a coñecer a nosa cultura, o que sirve para manter o vínculo cos e coas que aquí naceron ou para inculcalo a aqueles e aquelas que non tiveron a oportunidade de coñecer o país de orixe das e dos seus pais ou avós.
Novas relacionadas