Emigración organiza unha xornada técnica sobre novidades en materia de estranxeiría

Dirixida a persoal de entidades e corporacións locais que traballan neste campo.

Listen to this page using ReadSpeaker

Secretaría Xeral da Emigración - Xunta de Galicia. A Secretaría Xeral da Emigración celebra mañá martes na sede da Escola Galega de Administración Pública unha xornada técnica de “Actualización da normativa en materia de estranxeiría”, dirixida ao persoal das entidades sociais, e da Administración local, que están a traballar no eido da inmigración.

Na primeira parte das xornadas, Juan José Vázquez (asesor xurídico da Unidade de Atención ás Migracións do Concello da Coruña) exporá os principais aspectos da normativa actual de inmigración -centrándose nos réximes xeral e comunitario da mesma- cun enfoque fundamentalmente teórico.

Na segunda parte da xornada, Carlos Villar (responsable do asesoramento xurídico da ONGD Ecos do Sur) falará sobre a aplicación do Regulamento da Lei Orgánica que regula os dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, cun enfoque máis práctico. Este relatorio pretende dar luz, entre outros aspectos, sobre as dúbidas sobre a “acreditación do esforzo de integración”, establecido na normativa en materia de estranxeiría, mediante a análise de casos prácticos.

Así, esta segunda parte ten a finalidade fundamental de que aquelas e aqueles que xestionan programas de acollida e integración dirixidos á poboación inmigrante poidan solucionar os problemas cotiás que se presentan no seu traballo diario cunha meirande eficacia.

Normativa sen consulta
A xuízo do subdirector xeral do Retorno e da Inmigración, Antonio Aguarón Turrientes, que inaugurará esta xornada, o obxectivo desta acción formativa é clarexar “algúns puntos da normativa que regula esta materia de competencia estatal, que foi regulada na anterior lexislatura nacional, e na que non se contou no seu momento coas comunidades autónomas”, así como escoitar a opinión das entidades implicadas no desenvolvemento normativo que atinxe ás persoas inmigrantes en Galicia.

Neste mesmo senso, e en relación coa normativa vixente, Aguarón tamén criticou de novo a atribución de competencias en materia de estranxeiría ás Comunidades Autónomas, “sen que estas fosen consultadas, tal e como sería lóxico e desexable, en ningún momento da anterior lexislatura nacional”.

823 lecturas