Emigración lembra á diáspora os pasos necesarios para exercer o voto o 20 de novembro

Trátase dos primeiros comicios en Galicia desenvolvidos co sistema de ‘voto rogado’ para os e as residentes no exterior.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Secretaría Xeral da Emigración ven de colgar na súa web corporativa www.galiciaaberta.com toda a información necesaria para que os galegos e as galegas residentes no exterior poidan exercer o seu lexítimo dereito a voto nas eleccións xerais anunciadas para o 20 de novembro polo presidente do Goberno español.

Trátase da primeira ocasión en que os galegos e galegas da diáspora deben solicitar previamente o voto para exercer o seu dereito. Ata o de agora, non existía diferenza entre electores ou electoras residentes en España ou no estranxeiro á hora de exercer o voto, abondaba con que o elector ou electora estivese inserido no correspondente censo.

"Voto rogado"
Agora, para os e as residentes no exterior, emprégase o novo sistema, denominado de ‘voto rogado’, e que xa se utilizou nos comicios máis recentes (eleccións municipais), malia que neste caso unicamente puideron votar para os comicios autonómicos os nados nalgunhas comunidades, que escollían os seus parlamentos rexionais.

Precisamente, a baixada na porcentaxe de participación que reflectiron estas eleccións autonómicas parciais, é o argumento que barallan os dous grandes partidos para valorar a posibilidade de simplificar os trámites do voto ‘rogado’, e así garantir unha participación máis activa da diáspora en cada sufraxio.

A reforma, que perseguía a transparencia e limpeza do proceso electoral no exterior, non debería dar pé a unha caída nesa participación, postura que desde o primeiro momento da lexislatura ten defendido con contumacia –non exenta de críticas- o secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba.

Proceso e prazos
No documento informativo pendurado na súa web, Emigración explica con total claridade os pasos a dar polo elector ou electora que desexe exercer o seu dereito ao voto o 20-N. Así, lembra a Secretaría Xeral, o primeiro é comprobar a inserción no CERA (Censo Español de Residentes Ausentes), e a consulta das listaxes do censo electoral entre os días 3 e 10 de outubro, período no que tamén se poden presentar as solicitudes de modificación.

Asemade, e antes do 22 de outubro, deberá enviar á delegación provincial da Oficina do Censo Electoral a súa solicitude de voto a través dun impreso oficial ad hoc, maila fotocopia do DNI ou certificación de nacionalidade. Cando esta petición sexa recibida, a Oficina remitirá ao elector ou electora, sempre antes do 1 de novembro (ou ben o 8 se houbese impugnación de candidatura/s) as papeletas das distintas formacións concorrentes, e tamén os sobres de votación, para a Xunta Electoral, e para a Oficina Consular correspondente.

O elector ou electora, xa con estes documentos na man, poderá exercer o voto por dúas vías. Por correo, inserindo os correspondentes documentos en cadanseu sobre, ou ben directamente en urna, nos lugares designados polas oficinas ou seccións consulares, e que se farán públicos entre o 16 e 18 de novembro.

É extremadamente importante para a validez do voto, tal e como destaca o documento da web de Emigración, que no sobre conste inscrición postal que avale a data de envío anterior ou similar á data límite. A diferenza do voto “normal” -que vai á mesa electoral-, este chega directamente á Xunta Electoral.

Temporais en España
Para aqueles electores inscritos no CERA e que teñan previsto atoparse temporalmente en España na data de celebración dos comicios, Emigración recorda na súa web que poderán solicitar o voto por correo ata o 10 de novembro, previa solicitude na oficina do censo da provincia na que estean inscritos, explicando esta circunstancia.

Coa fin de completar a información con tódalas posibilidades de mobilidade do elector ou electora, o documento inserido en www.galiciaaberta.com tamén recolle o procedemento para o voto por correo dos electores e lectoras residentes en España que se vaian atopar temporalmente no estranxeiro.

A explicación do departamento que dirixe Santiago Camba inclúe finalmente un calendario electoral completo coas principais datas dos distintos pasos dos procesos devanditos, e tamén o enderezo e teléfonos das delegación provinciais da Oficina do Censo Electoral nas catro demarcacións galegas.

+ info: INFORMACIÓN VOTO ELECCIÓNS XERAIS 2011

En imaxes
1065 lecturas