Emigración forma a emigrantes retornados e a inmigrantes na atención a domicilio a persoas dependentes

O Secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, clausurou o Programa de atención sociosanitaria en domicilio a persoas dependentes. Quince inmigrantes e emigrantes retornados procedentes de Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Perú, Portugal, Senegal, Uruguai e Venezuela participaron neste curso.

Listen to this page using ReadSpeaker
Ourense, 24 de setembro de 2010.

O Secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba Bouzas, clausurou o Programa de atención socio sanitaria en domicilio a persoas dependentes, desenvolvido en Ourense desde o pasado mes de xuño. No acto de clausura e entrega de diplomas, o secretario xeral estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martinez González, e o director-xerente da Fundación Galicia Emigración, José Manuel Castelao Bragaña.

Santiago Camba destacou que o sector de atención ás persoas maiores e dependentes constitúe un novo sector de empregabilidade no que a cualificación profesional é moi escasa. “O noso colectivo demanda unha preparación neste campo que poida brindarlles unha formación que favoreza a súa inserción laboral”, salientou o secretario xeral.

Aposta pola inserción laboral
Dentro do plan de actuación para o ano 2010, Emigración deseñou unha liña de actuación para o apoio á inserción laboral por conta allea, que conta cun programa de formación con compromiso de contratación, que consiste na realización de accións formativas nas que existe un compromiso de contratación dunha porcentaxe do alumnado.

Esta actividade, desenvolvida en Ourense, tivo por obxecto favorecer ou mellorar a empregabilidade dos emigrantes retornados e inmigrantes residentes en Galicia, a través do desenvolvemento deste Programa de atención socio sanitaria en domicilio a persoas dependentes, contratando ao remate do mesmo o 30% do alumnado.

120 horas lectivas e 15 alumnos
O proceso de aprendizaxe foi unha combinación de clases teóricas e prácticas que se desenvolveron en servizos de atención domiciliaria nun Programa de Axuda no Fogar, así como nunha vivenda comunitaria de persoas maiores. A duración foi de 120 horas lectivas, que se distribuíron en 100 horas de formación teórica e 20 horas de formación práctica.

Esta acción foi totalmente gratuíta, e capacitou a 15 inmigrantes, procedentes de Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Perú, Portugal, Senegal, Uruguai e Venezuela, na adquisición de habilidades básicas para a atención en domicilio de persoas que teñan limitada a súa autonomía persoal desde unha perspectiva física, psíquica, e social. O éxito deste Programa é que se contratou a un total de 5 persoas, co que se alcanzou o obxectivo de inserción laboral.

Entre os contidos, se trataron temas sobre a atención socio sanitaria a domicilio: atención de carácter persoal para as actividades básicas e instrumentais da vida diaria, atención de carácter doméstico e psicosocial e educativo; o equipo de traballo e o análise das posibilidades de emprego no sector.

2013 lecturas