A Secretaría Xeral da Emigración elabora un Plan de Formación para promover a inserción laboral das persoas inmigrantes.

Emigración destinará un orzamento de máis de 500.000 € e contará coa cofinanciación do Fondo Social Europeo.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2010.

A Secretaría Xeral da Emigración elaborou un plan de formación coa colaboración de profesionais que tanto desde concellos como desde asociacións e entidades traballan no eido da inserción sociolaboral das persoas inmigrantes, para o que se conformou un grupo de traballo específico.

A orde de axudas, que regulará a concesión das mesmas ás entidades destinatarias das accións formativas, primará de forma especial a posibilidade das entidades de lograr a efectiva inserción laboral dos destinatarios das accións formativas.

Os contidos do Plan de Formación céntranse de forma especial naqueles sectores nos que, en principio -e a pesar das dificultades actuais polas que atravesa o mercado laboral-, existe unha maior posibilidade de que as persoas ás que se dirixe o plan poidan atopar un posto de traballo e, a través do mesmo, acadar unha total integración na nosa sociedade.

Do mesmo xeito, tívose en conta á hora de elaborar o Plan que, na medida do posible, existira unha axeitada proporción de accións formativas por todo o territorio da nosa comunidade e, sobre todo, naqueles concellos cunha maior presenza de poboación inmigrante e retornada con dificultades de atopar traballo, ao tempo que se valoraron os diferentes tipos de postos de traballo dos que poidera existir demanda en cada zona da nosa comunidade.

Emigración centra así gran parte do seu esforzo en promover a inserción social e laboral das persoas inmigrantes que residen na nosa comunidade e se atopan en risco de exclusión social por carecer de recursos económicos.

A contía do Plan de Formación superará os 500.000 euros, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e a súa posta en marcha será a partir do próximo exercicio xa que ao non estar totalmente pechado o Plan, tería sido practicamente imposible para as entidades desenvolver de forma axeitada os contidos dos diferentes cursos no último trimestre deste ano.

En coordinación coa Consellería de Traballo e Benestar
Este departamento da Xunta tamén traballa de xeito coordinado coa Consellería de Traballo e Benestar, a quen lle corresponde a concesión de subvencións para desenvolver accións de formación laboral dirixidas, neste caso, a emigrantes retornados a Galicia ou inmigrantes.

Este ano, Traballo asumiu a concesión de axudas a entidades sen ánimo de lucro para realizar actividades de orientación, formación, inserción e asesoramento laboral dirixidas a estes colectivos, co obxectivo de impulsar a participación das persoas inmigrantes e dos emigrantes retornados no mundo laboral

Pola súa banda, a Secretaría Xeral da Emigración dirixirá a partir de agora a convocatoria de axudas exclusivamente a aqueles inmigrantes que se atopen en situación de especial vulnerabilidade para fomentar a súa incorporación ao mercado de traballo.

En imaxes
2158 lecturas