Emigración firma un acordo de colaboración coa Asociación de Jóvenes Emigrantes Retornados en Galicia co fin de facilitar a integración das e dos bolseiros BEME
A Secretaría Xeral da Emigración destina 20.000 euros a esta entidade co obxectivo de colaborar no financiamento dos gastos derivados da execución de accións de asesoramento a mozas e mozos retornados, organización de actividades formativas, culturais e sociais para a mocidade, así como a difusión e promoción das mesmas en Galicia e no exterior.
Con este acordo preténdese facilitar a integración laboral e social das e dos bolseiros BEME e consolidar o seu establecemento en Galicia.
O Secretario Xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, firmou esta mañá o acordo de colaboración coa presidenta da Asociación de Jóvenes Emigrantes Retornados en Galicia (AJERGA), María Belén Rosbier, que permitirá destinar 20.000 euros a esta organización para o financiamento dos gastos derivados da execución de accións de asesoramento a mozas e mozos retornados, organización de actividades culturais e sociais para a xuventude, así como a difusión e promoción das mesmas en Galicia co obxectivo de ofrecer aos galegos e galegas que volven á comunidade autónoma a maior cobertura posible no seu proceso de adaptación á sociedade galega.
Este acordo ten como obxectivo establecer o marco da colaboración entre as entidades asinantes para desenvolver accións de difusión, acompañamento, información e formación dirixidas ás persoas galegas que residan no exterior, así como ás que retornen á Comunidade Autónoma galega, especialmente aos bolseiros e bolseiras BEME.
A Secretaría Xeral da Emigración continúa así a colaboración con esta entidade para ofrecer ás persoas emigrantes retornadas á Comunidade Autónoma a maior cobertura posible no seu proceso de adaptación á sociedade galega, especialmente no caso das e dos bolseiros do programa de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME). De feito, esta asociación constituíuse en 2019 por bolseiras e bolseiros da primeira promoción deste programa e continúa a medrar cos novos bolseiros e bolseiras que chegan cada ano.
Novas relacionadas