Emigración e Xacobeo reciben ás seis ciclistas do club ‘Una a una’ de Oviedo que percorreron o Camiño de Santiago para visibilizar o cancro de mama
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a directora de Competitividade da Axencia de Turismo de Galicia agardáronas na praza do Obradoiro.
Algunha das compoñentes deste club de ciclismo feminino, Una a Una, forman parte da Asociación Día de Galicia de Asturias.
Realizaron a peregrinación para dar a coñecer o cancro de mama metastásico e recadar fondos para financiar a súa investigación.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a directora de Competitividade da Axencia de Turismo de Galicia, María Baleato, recibiron hoxe na praza do Obradoiro ás seis membros do club de ciclismo feminino "Una a una” de Oviedo que percorreron o Camiño de Santiago para visibilizar o cancro de mama metastásico.
Tal e como explicou Rodríguez Miranda, “é unha honra para nós acoller e recibir aos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago, especialmente aos nosos irmáns asturianos, e máis cando se fai o Xacobeo por unha causa de tanta relevancia social como é o apoio á investigación na loita contra o cancro, que responde perfectamente aos propios valores do Camiño”.
O club de ciclismo feminino "Una a una" percorreu dende o pasado sábado 15 de maio o Camiño de Santiago como parte dunha iniciativa solidaria que ten coma obxectivo visibilizar ás mulleres que sofren cáncer de mama metastásico.
Tamén pretenden recadar fondos para financiar a investigación deste tipo de enfermidade.
A iniciativa púxose en marcha coa colaboración da Asociación de Cáncer de Mama Metastásico, que é a máis grande de Europa, con máis de 12.000 mulleres de 12 países diferentes.
Preto de 30 membros deste club, fundado en 2011, saíron dende Oviedo, aínda que só chegaron seis polas actuais limitacións da pandemia da covid-19.
Segundo lle trasladaron aos representantes autonómicos, a súa peregrinaxe ten un elevado cariz solidario, xa que consideran esencial continuar a investigar sobre esta doenza, xa que un 20% das doentes totais de cancro de mama desenvolve a enfermidade con metástase, sendo a primeira causa de morte en mulleres de entre 34 e 50 anos. Actualmente é unha enfermidade sen cura, que provocou o falecemento o ano pasado en España de 2.621 mulleres.
Novas relacionadas