Emigración e a USC dan a benvida aos novos alumnos e alumnas das bolsas BEME que estudarán un mestrado no Campus de Santiago de Compostela

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o reitor da Universidade, Antonio López Díaz, saudaron aos 56 galegos e galegas do exterior que obtiveron a Bolsa de Excelencia Mocidade Exterior para cursar un mestrado nas facultades do Campus de Santiago nun acto de benvida que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación.

En total, 200 mozas e mozas galegas residentes no exterior ou descendentes de cidadás e cidadáns galegos cursarán un mestrado nunha das tres universidades galegas durante o presente curso.

  • Imaxe do acto celebrado esta mañá na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela
    Imaxe do acto celebrado esta mañá na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela

Acto de benvida ás e aos bolseiros BEME do Campus de Santiago
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do reitor da USC, Antonio López Díaz, presidiron o acto de benvida aos 56 novos alumnos e alumnas que obtiveron a Bolsa de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) que tivo lugar hoxe na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. 

No acto estivo tamén presente a subdirectora de Retorno da SXE, Begoña Solís, o vicerreitor de Estudantes e Proxección Internacional da USC, Víctor Arce, así como o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, José Ramón Pousa.

Deste xeito, a Secretaría Xeral da Emigración e a USC saudaron a estas mozas e mozos do exterior, tanto galegas e galegos residentes fóra das nosas fronteiras como descendentes de cidadás e cidadáns galegos, que obtiveron unha das 200 bolsas que oferta o departamento autonómico para realizar mestrados nunha das tres universidades galegas durante o presente curso.

As e os novos bolseiros BEME están a realizar mestrados na USC centrados en formación relativa a enxeñarías, psicoloxía, dirección de empresas, xornalismo, atención sanitaria ou economía. 

Durante o acto, ademais de manter un encontro presencial cos novos alumnos e alumnas, tamén se lles aportou información tanto sanitaria como de trámites administrativos, de cara a que poidan solucionar os diferentes problemas aos que se enfrontarán ao longo destes meses durante a súa estancia en Galicia.

Deste xeito, un técnico da Consellería de Sanidade ofreceulles unha charla sobre a normativa covid actual en Galicia, así como sobre a vacinación, e posteriormente, persoal da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, informoulles das diferentes cuestións burocráticas a xestionar na nosa comunidade autónoma, como o empadroamento, a xestión do DNI ou da tarxeta sanitaria. 

Os novos bolseiros e bolseiras BEME tamén puideron coñecer a membros da Asociación de Jóvenes Emigrantes Retornados en Galicia que os poderán asesorar e acompañar durante os próximos meses nesta nova etapa educativa.

As bolsas de Excelencia Mocidade Exterior ampliáronse este ano, pasando das 150 o ano anterior ás 200 desta quinta edición. O Goberno galego destina 1,72 millóns de euros a este programa co fin de impulsar a captación de universitarias e universitarios galegos de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, que poden así cursar un mestrado nalgunha das tres universidades galegas, cunha axuda económica que vai entre os 7.000 e os 11.475 euros. 

Entre as e os beneficiarios deste ano atópanse galegas e galegos procedentes de máis de 20 países, aínda que hai países con maior número de alumnas e alumnos, como Arxentina, Venezuela, Brasil, Cuba, Reino Unido, Alemaña ou Suíza.

  • Audio: Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración | Descargar
291 lecturas