Emigración e Universidade de Vigo dan a benvida aos novos alumnos e alumnas das bolsas BEME que estudarán un mestrado nos campus de Vigo e Pontevedra

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o reitor da UVigo, Joaquín Reigosa, saudaron aos 73 galegos e galegas do exterior que obtiveron a Bolsa de Excelencia Mocidade Exterior para facer un mestrado nas facultades dos campus de Pontevedra e Vigo nun acto de benvida que tivo lugar no paraninfo do edificio Ernestina Otero. 

En total, 200 mozas e mozos galegos residentes no exterior ou descendentes de galegas e galegos cursarán un mestrado nunha das tres universidades galegas durante o presente curso. 

  • Imaxe da xornada de hoxe na Universidade de Vigo
    Imaxe da xornada de hoxe na Universidade de Vigo
  • Imaxe da xornada de hoxe na Universidade de Vigo
    Imaxe da xornada de hoxe na Universidade de Vigo
  • Imaxe da xornada de hoxe na Universidade de Vigo
    Imaxe da xornada de hoxe na Universidade de Vigo
Xornada informativa para as e os bolseiros BEME da Universidade de Vigo
Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo, 6 de outubro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do reitor da Universidade de Vigo, Joaquín Reigosa,  presidiron o acto de benvida aos 73 novos alumnos e alumnas que obtiveron a Bolsa de Excelencia Mocidade Exterior (BEME) que tivo lugar hoxe no paraninfo do edificio Ernestina Otero desta universidade.  

Deste xeito, a Secretaría Xeral da Emigración e a UVigo saudaron a estas mozas e mozos do exterior, tanto galegos residentes fóra das nosas fronteiras como descendentes de galegas e galegos, que obtiveron unha das 200 bolsas que oferta o departamento autonómico para realizar mestrados nunha das tres universidades galegas durante o presente curso.

As e os novos bolseiros BEME están a realizar mestrados nesta universidade centrados en áreas da comunicación e a publicidade, a economía e a administración de empresas, a industria 4.0 e as actividades deportivas. Dos 73 alumnos e alumnas que comezan un mestrado nesta universidade, 57 fano no campus de Vigo e 16 en Pontevedra. 

Durante o acto, ademais de manter un encontro presencial coas e cos novos alumnos, tamén se lles aportou información tanto sanitaria como de trámites administrativos, de cara a que poidan solucionar os diferentes problemas aos que se enfrontarán ao longo destes meses durante a súa estancia en Galicia.

Deste xeito, un técnico da Consellería de Sanidade ofreceulles unha charla sobre a normativa covid actual en Galicia, así como sobre a vacinación, e posteriormente, persoal da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno informoulles das diferentes cuestións burocráticas a xestionar na nosa comunidade autónoma, como o empadroamento, a xestión do DNI ou da tarxeta sanitaria. 

Os novos bolseiros e bolseiras BEME tamén puideron coñecer a membros da Asociación de Jóvenes Emigrantes Retornados en Galicia que lles poderán asesorar e acompañar durante os próximos meses nesta nova etapa educativa.

As Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior ampliáronse este ano, pasando das 150 o ano anterior ás 200 desta quinta edición. O Goberno galego destina 1,72 millóns de euros a este programa co fin de impulsar a captación de universitarias e universitarios galegos de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, que poden así cursar un mestrado nalgunha das tres universidades galegas, cunha axuda económica que vai entre os 7.000 e os 11.475 euros. 

Entre os beneficiarios e beneficiarias deste ano atópanse galegas e galegos procedentes de máis de 20 países, aínda que hai países con maior número de alumnas e alumnos, como Arxentina, Venezuela, Brasil, Cuba, Reino Unido, Alemaña ou Suíza.

  • Audio: Declaracións do secretario xeral da Emigración | Descargar
856 lecturas