Emigración e o Clúster do Turismo de Galicia colaborarán coas comunidades galegas no exterior na promoción de Galicia no estranxeiro

O obxectivo é que se reproduzan estratexias de éxito como ‘Galicia, Pórtico Universal’.

O sector turístico na Galicia territorial supón o 10’6 % do P.I.B. e o 11’5 do emprego na Comunidade, con en torno a 6.000 empresas asociadas ao Clúster.

  • Pardal (á esquerda), Miranda (centro) e González López (dereita)
    Pardal (á esquerda), Miranda (centro) e González López (dereita)
  • Cesáreo Pardal (á esquerda), Antonio Rodríguez Miranda (centro) e Francisco González López (dereita), durante a reunión mantida na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
    Cesáreo Pardal (á esquerda), Antonio Rodríguez Miranda (centro) e Francisco González López (dereita), durante a reunión mantida na sede da Secretaría Xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu ao presidente e secretario do Clúster do Turismo de Galicia, Francisco González López e Cesáreo Pardal, para estudar as fórmulas de colaboración mutua na promoción, difusión e proxección turística nacional e internacional de Galicia, da man das comunidades galegas no Exterior.

Os tres dirixentes destacaron a oportunidade e idoneidade dos centros e casas de Galicia en todo o mundo para esta función, e tamén de destacadas personalidades da Galeguidade universal con amplo recoñecemento nas sociedades de acollida, moitas delas vinculadas no ámbito empresarial a negocios nos sectores de hostalaría e restauración, e que por tanto poden converterse en elementos fundamentais para a boa divulgación de Galicia en todo o mundo.

A misión fundamental desta colaboración será dar a coñecer a Galicia moderna, actual e competitiva, moi nomeadamente nun sector que está a poñer de manifesto a súa importancia, mercé a un relevante esforzo de modernización e profesionalidade. Nas próximas semanas, estudaranse en profundidade as fórmulas concretas para materializar esta colaboración, sempre da man das comunidades galegas no Exterior, con cuxa axuda e cooperación expresa contarase en todo momento para reforzar o papel de promoción exterior de Galicia que xa realizan.

A intención é que, a través deste acordo, se poñan en marcha iniciativas similares á de ‘Galicia, Pórtico Universal’, a área expositiva que xa ten percorrido diversas cidades de País Vasco, Cataluña, e Andalucía en España, Alemaña en Europa, e Arxentina en América, e que en todas elas ten conseguido un importante éxito de público, ata superar as 40.000 persoas visitantes o primeiro ano do seu funcionamento, e as 60.000 en 2014, con máis de 1.300 accións especializadas vinculadas á estadía en cada cidade.

O Clúster
O Clúster do Turismo de Galicia promove actividades de colaboración que permitan mellorar a competitividade, a innovación e a internacionalización deste sector. O obxectivo final é potenciar a ‘marca Galicia’ como destino turístico forte, diferenciado, e situalo a escala global. Está conformado por 48 entidades que agrupan toda a cadea de valor do sector turístico, entre federacións, consorcios e asociacións provinciais e galegas, e que representan o 90% do sector turístico de Galicia, agrupando a un total de 5.913 empresas.

O Clúster constitúese asemade como punto de encontro do sector e fomenta o intercambio de información e experiencias que poidan ser de aproveitamento para todos os axentes implicados, aglutinando os intereses das múltiples asociacións que integran as empresas, servizos e equipamentos turísticos, así como os seus profesionais, nunha única entidade.

O sector turístico constitúe un dos alicerces da economía galega. Segundo os datos do último informe de Impactur, a actividade xerada polo turismo en Galicia ascende a máis de seis mil millóns de euros, o que representa o 10,6% do Produto Interior Bruto e o 11,5% do emprego, cifras que fan do Turismo una das industrias máis potentes na Galicia territorial e un dos sectores que está a xerar emprego en Galicia.

943 lecturas