Emigración e a Fundación Ronsel fan balance dos programas de apoio ás e aos galegos retornados no 2022
Ambas entidades colaboran a través do programa Merlo e a través dunha iniciativa de formación para bolseiras e bolseiros BEME coa mentorización das e dos galegos retornados, tanto na busca de emprego como no éxito das súas iniciativas empresariais.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o director da Fundación Ronsel, Luis Deber, fixeron esta mañá balance dos programas de apoio ás galegas e galegos retornados no 2022 que están a executarse en colaboración entre as dúas entidades e que teñen como obxectivo favorecer a empregabilidade dos bolseiros e bolseiras BEME e garantir o éxito das iniciativas empresariais das e dos galegos retornados emprendedores.
Neste 2022, o programa “Merlo” de mentorización para emprendedoras e emprendedores galegos retornados axuda a máis de 90 galegas e galegos retornados , desenvolvendo unha iniciativa de atención personalizada que ten como obxectivo consolidar os seus negocios ou actividades profesionais, de xeito que poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social e empresarial en Galicia.
Este servizo de acompañamento conta coa figura dunha ou dun mentor que reforza as habilidades e fortalezas de cada emprendedor ou emprendedora para potenciar e consolidar os seus proxectos profesionais cunha maior garantía de éxito, contribuíndo así a mellorar a súa competitividade e produtividade do seu negocio.
A maiores, Ronsel tamén está a ofrecer un programa formativo para os beneficiarios e beneficiarias das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior - BEME deste ano, que ten como obxectivo aportarlles as ferramentas necesarias para a busca de emprego ou a posta en marcha dun proxecto empresarial propio.
Durante esta reunión, Rodríguez Miranda e Luis Deber tamén analizaron as posibles accións a realizar o próximo ano, dado o éxito que están a ter estes dous programas entre as e os participantes, que valoraron moi positivamente o seu apoio e mentorización.
A Fundación Ronsel é unha entidade de carácter privado sen ánimo de lucro que ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego, e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial. Ten acreditada unha ampla experiencia no desenvolvemento de servizos de asesoramento para a orientación laboral e programas específicos dirixidos ás persoas migrantes, entre as que están incluídas as e os galegos emprendedores retornados, sendo un referente en Galicia no uso da ferramenta de mentoría e membro dende 2015 da Red de Youth Business Spain, coa que se desenvolve esta metodoloxía de promoción e apoio ao emprendemento dirixida ao autoemprego e a creación de emprego.
Novas relacionadas