Emigración e a Fundación Ronsel analizan os programas de apoio á empregabilidade que chegou a 300 galegas e galegos retornados no 2023

Ambas entidades colaboran a través do programa Merlo que permite a mentorización na posta en marcha de proxectos empresariais e a través dunha iniciativa de formación para bolseiras e bolseiros BEME e outras e outros galegos retornados, tanto na busca de emprego como no desenvolvemento de iniciativas empresariais.

Antonio Rodríguez Miranda e Luis Deber, durante a reunión celebrada na sede da SXE na capital galega
Antonio Rodríguez Miranda e Luis Deber, durante a reunión celebrada na sede da SXE na capital galega
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2024.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o director da Fundación Ronsel, Luís Deber, analizaron os programas de apoio a 300 galegas e galegos retornados no 2023, que se executaron en colaboración entre as dúas entidades e que teñen como obxectivo favorecer a empregabilidade das e dos bolseiros BEME e garantir o éxito das iniciativas empresariais das galegas e galegos retornados emprendedores. 

O programa “Merlo” de mentorización para emprendedoras e emprendedores galegos é unha iniciativa de atención personalizada que ten como obxectivo consolidar os seus negocios ou actividades profesionais, de xeito que poidan contar cunha maior garantía de éxito que favoreza a súa integración social e empresarial en Galicia. 

Este servizo de acompañamento conta coa figura dun mentor ou mentora que reforza as habilidades e fortalezas de cada  persoa emprendedora para potenciar e consolidar os seus proxectos profesionais cunha maior garantía de éxito, contribuíndo así a mellorar a súa competitividade e produtividade do seu negocio.

A maiores, Ronsel tamén está a ofrecer un programa formativo para as e os beneficiarios das Bolsas de Excelencia Mocidade Exterior - BEME deste ano e outras e outros galegos retornados, que ten como obxectivo aportarlles as ferramentas necesarias para a busca de emprego ou a posta en marcha dun proxecto empresarial propio.

A Fundación Ronsel é unha entidade de carácter privado sen ánimo de lucro que ten como obxectivo o desenvolvemento e fomento económico galego e, en particular, a creación de emprego, así como a mellora competitiva do tecido empresarial. Ten acreditada unha ampla experiencia no desenvolvemento de servizos de asesoramento para a orientación laboral e programas específicos dirixidos ás persoas migrantes, entre as que están incluídas as e os galegos emprendedores retornados, sendo un referente en Galicia no uso da ferramenta de mentoría e membro dende 2015 da Red de Youth Business Spain, coa que se desenvolve esta metodoloxía de promoción e apoio ao emprendemento dirixida ao autoemprego e a creación de emprego.

373 lecturas