A Xunta reforza a súa colaboración co Consello da Cultura Galega para a realización de actividades relacionadas coa emigración

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, mantivo un encontro coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

Cun financiamento por parte do Goberno autonómico de 50.000 euros, o Consello da Cultura Galega organizará neste 2026 exposicións ou publicacións sobre a emigración, ademais de avanzar na conservación de material documental.

Nunha xuntanza na que tamén estivo o secretario xeral da Emigración e o xerente do Consello da Cultura Galega, ambas partes celebraron o éxito das iniciativas que veñen emprendendo conxuntamente, con impacto tanto a nivel nacional como internacional.

A Xunta reforza a súa colaboración co Consello da Cultura Galega para a realización de actividades relacionadas coa emigración.
A Xunta reforza a súa colaboración co Consello da Cultura Galega para a realización de actividades relacionadas coa emigración.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 24 de maio de 2026.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, vén de manter un encontro coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, onde ambos puxeron en valor a colaboración interinstitucional á hora de promover actividades relacionadas coa promoción, conservación e recuperación do patrimonio cultural da emigración galega. Cun financiamento por parte da Xunta de 50.000 euros, o Consello da Cultura Galega organizará neste 2026 exposicións ou publicacións sobre a materia, ademais de garantir o seu traballo de conservación de material documental. 

En concreto, o obxecto do convenio de colaboración que se vén de renovar é a realización de actividades de promoción da emigración galega, nomeadamente a difusión de exposicións e a publicación de libros de temática emigratoria, así como un proxecto de memoria gráfica da arquitectura indiana en Galicia. Tamén a localización, inventariado e dixitalización de documentación e publicacións de sociedades de emigrantes galegos, así como doutros fondos documentais relacionados coa emigración galega.   

Desde a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ademais da achega económica, apoiarase na organización das accións previstas no convenio, facilitando contactos de entidades galegas para poder arquivar o seu material documental ou tomando parte nas decisións sobre os libros que se van publicar ou sobre as exposicións que se van realizar.  

Colaboración interinstitucional

O encontro —no que tamén estiveron o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández— serviu para que ambas partes celebrasen o éxito das iniciativas que veñen emprendendo conxuntamente no ámbito cultural, acadando un impacto significativo na promoción e preservación da memoria da emigración, tanto a nivel nacional como internacional. Os representantes autonómicos reafirmaron o seu compromiso con esta colaboración, co gallo de seguir fortalecendo os lazos entre as institucións e promover aínda máis o coñecemento sobre o legado da emigración galega.

45 lecturas