Emigración destina preto dun millón de euros ao Plan de formación de inmigrantes e retornados

Do total de máis de 150 cursos ao longo de 2011, desenvolveranse 87 co aval do Fondo Social Europeo.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Secretaría Xeral da Emigración resolverá nos vindeiros días a convocatoria de axudas a entidades sen ánimo de lucro para a realización de cursos de formación dirixidos a inmigrantes e retornados, que fora publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado 12 de xaneiro.

Esta convocatoria estaba dotada inicialmente con medio millón de euros, pero Emigración non desbota a posibilidade de realizar un esforzo complementario e asumir un aumento do 20% da partida orzamentaria, coa fin de reforzar os programas de integración social e laboral do colectivo de inmigrantes e retornados a través deses cursos impartidos directamente por entidades sen ánimo de lucro.

Asemade, mercé a este aumento orzamentario, Emigración poderá incrementar o abano de cursos inicialmente proxectados con outros organizados e desenvolvidos pola propia Secretaría Xeral. Desta maneira, é intención do departamento que dirixe Santiago Camba que, ao longo deste ano, se desenvolvan preto de 150 cursos para inmigrantes e retornados, espallados por toda a xeografía galega.

Outras liñas
A impartición de cursos específicos por parte de entidades sen ánimo de lucro é un dos piares básicos do Plan de Formación que desenvolve a Secretaría Xeral da Emigración. Pero ademais, en breve resolverase unha orde de axudas a entidades locais e concellos, un de cuxos eixos de financiamento é a impartición de cursos de formación e reforzo educativo ao colectivo inmigrante. Mediante esta acción, agárdase que se leven a cabo polo menos outros 60 cursos formativos para este colectivo.

A través destes piares do Plan de Formación, Emigración destina en conxunto preto dun millón de euros ao ensino en habilidades e capacidades laborais co obxectivo da integración de inmigrantes e retornados, ben mediante a impartición de cursos directamente realizados pola Administración autonómica, ou a través da colaboración activa de entidades sociais e concellos. Estes cartos xa abranguen os dotados para cursos de formación avalados directamente polo Fondo Social Europeo (un total de 87, aos que se destinarán en torno aos 600.000 euros, impartidos por entidades sen ánimo de lucro ou directamente pola Secretaría, e que corresponden á devandita convocatoria do DOG do 12 de xaneiro), e tamén as accións sinaladas no parágrafo anterior.

1365 lecturas