Emigración consolida os incrementos na atención aos galegos e galegas do exterior e reforza o apoio ao retorno
As contas deste departamento alcanzarán os 16,2M€, aumentando especialmente o capítulo destinado ás bolsas de excelencia académica, BEME, nun 28% con respecto o ano pasado, chegando case aos 2M€.
A Secretaría Xeral manterá o reforzo social aos galegos e galegas do exterior e ás entidades galegas, con 7M€.
Co reforzo do futuro orzamento, a Xunta segue a apostar polo retorno con case dez millóns de euros investidos nestes dous anos a pesar da crise sanitaria.
A maiores, apóstase por seguir promovendo o Xacobeo no mundo, destinando tamén 500.000 euros ao Día da Galicia Exterior.
Os orzamentos da Secretaría Xeral da Emigración para o 2022 consolídanse para seguir mantendo o apoio ás galegas e aos galegos do exterior e ás entidades que os representan, así como para potenciar o retorno a Galicia.
Deste xeito, a Secretaría centrarase no reforzo social, no apoio ás entidades no exterior e na potenciación das accións de retorno a Galicia, cun orzamento global de 16,2M€. Consolídanse así as súas contas dos últimos anos, mantendo o incremento de máis dun 100% dende 2015.
No ámbito do retorno, este departamento supera por primeira vez os 5 M€ destinados aos galegos e galegas do exterior que volven a Galicia, ampliando a liña destinada ao retorno emprendedor en 200.000 euros máis, pasando así a contar cun millón de euros, xunto a un importante ascenso do capítulo destinado ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, BEME, que crecen nun 28%, ata acadar os 1,97M€. Ademais, mantense o 1,7M€ destinado a axudas extraordinarias ao retorno na procura de seguir axudando a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do seu regreso á Comunidade Autónoma de Galicia ás familias que presentan máis dificultades no momento da chegada.
Mantense así o compromiso do Goberno autonómico coas e cos galegos do exterior, especialmente na procura de facilitarlles as oportunidades precisas para que poidan volver á súa terra, destacando que co reforzo do 2022, serán 10 millóns de euros os destinados para retorno nestes dous anos marcados pola crise sanitaria.
O montante destinado a potenciar o regreso das e dos galegos no exterior complétase coa Oficina de Atención ao Retorno, que recibirá 500.000 euros para continuar a traballar a favor de facilitar o acceso á información útil e necesaria a tódolos retornados e retornadas. O obxectivo é manter a tendencia á alza das cifras de retorno, con case 4.000 galegas e galegos que volveron á súa terra no 2020, a pesar de todas as complicacións xeradas pola pandemia que mantiveron a mobilidade freada durante 9 dos 12 meses do ano.
Reforzo social e a entidades
Emigración manterá tamén o vindeiro exercicio o seu apoio ás Comunidades Galegas do Exterior, en especial, no eido social e das entidades, de cara a afrontar as enormes dificultades individuais e colectivas que continúa a provocar a pandemia nos distintos lugares do mundo no que residen cidadás e cidadáns galegos.
A Secretaría Xeral destinará así 3,1 millóns de euros ás axudas sociais directas a persoas, destacando a maiores o apoio ás entidades galegas no exterior, facendo unha especial atención aos centros galegos que prestan asistencia sociosanitaria. A dotación destinada ao apoio ás entidades galegas no exterior concrétase nos 3M€.
Finalmente, este departamento autonómico continuará colaborando na potenciación e desenvolvemento do Xacobeo 2021-22, destinando unha liña extraordinaria de apoio para a participación das e dos galegos no Día da Galicia Exterior, que terá especial relevancia o próximo ano e ao que se destinarán 500.000 euros.
Novas relacionadas