Emigración coñece o proxecto de fin de máster de tres bolseiras e bolseiros destinado a mellorar a comunicación entre Galicia e as e os BEME
O secretario xeral analizou con estes tres universitarios procedentes de Uruguai e Arxentina as posibilidades que xera un canal de comunicación aberto entre a administración autonómica e as galegas e os galegos do exterior que foron beneficiados con estas bolsas.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu a dúas bolseiras e un bolseiro BEME que están a realizar un proxecto de fin de máster que ten como obxectivo mellorar a comunicación entre Galicia e as galegas e os galegos do exterior beneficiarios destas bolsas.
As bolsas BEME de excelencia para a mocidade exterior, posibilitan, a través da Secretaría Xeral da Emigración que tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectura, poidan cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.
Guillermo Corbo, procedente de Uruguai, e as arxentinas Sofía Aubone Paz e María Jimena Sodorini, trasladáronlle ao secretario xeral o contido do seu proxecto de fin de máster que ten como obxectivo poñer en marcha vías de comunicación entre as e os beneficiarios das BEME, a Xunta e a propia comunidade autónoma, mantendo así a intercomunicación entre eles e facilitándolles información e ferramentas que lles permitan acceder a futuros empregos, de xeito que sexa máis sinxelo para eles e elas regresar a Galicia.
Rodríguez Miranda trasladoulles o seu interese na colaboración da Secretaría Xeral co desenvolvemento deste proxecto, que conta co apoio tamén da Asociación de Xóvenes Emigrantes.
Novas relacionadas