Emigración analiza coa Asociación de Xóvenes Emigrantes a inminente convocatoria das bolsas BEME

O secretario xeral deste departamento, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro coas representantes desta agrupación co obxectivo de reforzar o acompañamento e a información a futuros galegos e galegas do exterior que desexen ampliar estudos en Galicia.

Antonio Rodríguez Miranda, durante a videoconferencia, na sede da SXE na capital de Galicia
Antonio Rodríguez Miranda, durante a videoconferencia, na sede da SXE na capital de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo un encontro telemático coas representantes da Asociación de Xóvenes Emigrantes que traballa en pro dos bolseiros e bolseiras que recibiron unha bolsa BEME para ampliar os seus estudos nalgunha das tres universidades galegas, de cara a analizar a inminente convocatoria destas bolsas. 

Rodríguez Miranda analizou coas representantes da asociación, Belén Rosbien e Lucía Álvarez, as bolsas BEME de excelencia para a mocidade exterior, que posibilitan, a través da Secretaría Xeral da Emigración que tituladas e titulados universitarios galegos e de currículo brillante, residentes no estranxeiro e cunha titulación de grao, licenciatura, enxeñaría ou arquitectectura, poidan cursar estudos de mestrado nalgunha das tres universidades galegas.

Na reunión analizáronse as vías de colaboración entre o Servizo de Retorno da Secretaría Xeral da Emigración e esta asociación de cara a reforzar o traballo de acompañamento e información ás e aos actuais bolseiros e animar ás futuras e futuros alumnos universitarios galegos do exterior para solicitar algunha das 200 bolsas coas que contará esta liña de axudas para o 2021.

Esta Asociación está a traballar nestes intres preparando un proxecto de fin de máster que ten coma obxectivo mellorar a comunicación entre Galicia e as galegas e os galegos do exterior beneficiarios destas becas. “Deste xeito, a través destes alumnos, que xa contan coa súa propia experiencia como bolseiro, podemos animar e apoiar a outros alumnos de currículo excelente para que aposten polas nosas universidades de cara a ampliar a súa formación”, explicou Miranda, quen engadiu que a través deste portal poderase mellorar a intercomunicación entre os bolseiros e bolseiras, facilitándoselles información e ferramentas para acceder a futuros empregos, de xeito que sexa máis sinxelo para elas e eles apostar por Galicia como o seu destino vital definitivo. 

En imaxes
594 lecturas