Emigración aumenta ata os 2,4M€ as axudas extraordinarias para as e os galegos retornados

Amplíase o orzamento desta liña para atender a todas as solicitudes presentadas.

Estas axudas, de carácter social, destínanse a gastos da unidade familiar derivados do retorno, cun especial apoio de ata 1.500 euros por fillo ou filla, así como tamén se valora o feito de residir nun concello rural. 

Imaxe de arquivo da visita do secretario xeral da Emigración á Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno en Vigo
Imaxe de arquivo da visita do secretario xeral da Emigración á Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno en Vigo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2022.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o aumento da dotación da liña de axudas extraordinarias da Secretaría Xeral da Emigración para as galegas e galegos retornados cunha contía de 688.000 euros, ata chegar así aos 2,4M€. A ampliación deste orzamento, de ata un 40%, ten como obxectivo atender a todas as solicitudes presentadas. 

A Secretaría Xeral da Emigración continúa a traballar no eido do retorno en apoio dos galegos e galegas do exterior que decidiron volver a Galicia nos últimos anos. 

Entre as liñas de apoio a estes galegos que apostaron por empezar unha nova vida na nosa comunidade autónoma atópanse as  axudas extraordinarias ao retorno que teñen como obxectivo axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios da unidade familiar derivados do regreso a Galicia.

Este ano, estas axudas contan cunha novidade, o apoio á vivenda. Tal e como asegura o  secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, “co obxectivo de facilitar o establecemento dos galegos retornados na comunidade autónoma, tendo en conta as dificultades no acceso á vivenda, establécese unha axuda de 500 euros por unidade familiar destinadas a facer fronte aos gastos derivados das primeiras xestións necesarias para facilitar o acceso a unha vivenda”.

As e os beneficiarios son as persoas que residindo fóra de España con nacionalidade española se establezan en Galicia, tanto os nacidos e nacidas na propia comunidade autónoma como as e os seus cónxuxes ou descendentes. A maiores, deben contar tamén co empadroamento en Galicia e ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos inmediatamente anteriores á data do seu retorno. 

As axudas dependerán das circunstancias sociais e do número de persoas que conformen a unidade familiar, tendo en conta que por cada fillo ou filla menor de 18 anos poderían recibir ata 1.500 euros, e que tamén se valora o feito de que se resida nun concello rural, incrementándose a axuda por cada filla ou fillo neste caso nun 25%. En total, a contía non poderá exceder, como máximo, dos 6.000 euros por unidade familiar.

Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno
As galegas e galegos retornados poden asesorarse de todo o relativo á tramitación de axudas, axilización de documentación e apoio socioeconómico nas cinco oficinas integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno que existen nas catro provincias galegas: en Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo.

Estas oficinas están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e contan con persoal técnico, xurídico e social especializado que se encarga de informar e asesorar aos galegos e galegas do exterior de cara a favorecer o retorno, así como de acompañar ás galegas e galegos retornados e aos seus e as súas familiares. Tamén explican tódolos programas da Secretaría Xeral da Emigración dirixidos á diáspora, así como comunican os temas relacionados con educación, formación, laboral e social, e mesmo, no caso das e dos familiares con outra nacionalidade, tamén asesoran no eido da estranxeiría, ofrecendo apoio continuo, tanto presencial coma telemático.

345 lecturas