Miranda compromete que o goberno galego manterá a máxima atención respecto da situación da comunidade galega en Venezuela

Emigración inviste outros 150.000 euros en acordos de colaboración coa ‘Fundación España Salud’ e a ‘Hermandad Gallega’ para a prestar asistencia social e sanitaria á comunidade galega en Venezuela. 

O secretario xeral da Emigración explorou novas posibilidades de colaboración con entidades de traballo social da capital venezolana, coa intención de detectar e auxiliar a cidadás e cidadáns galegos en risco de exclusión social que non estean aínda atendidos.

  • Imaxe da reunión do secretario xeral da Emigración cos e coas representantes das sociedades galegas na capital venezolana
    Imaxe da reunión do secretario xeral da Emigración cos e coas representantes das sociedades galegas na capital venezolana
  • Miranda, durante o seu percorrido pola Oficina de Atención Social da Xunta de Galicia na ‘Hermandad’
    Miranda, durante o seu percorrido pola Oficina de Atención Social da Xunta de Galicia na ‘Hermandad’
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2016.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, entregou en Caracas os respectivos convenios asinados polo departamento que dirixe coa ‘Fundación España Salud’ e coa ‘Hermandad Gallega de Venezuela’ de Caracas, cuxo investimento conxunto ascende a cento cincuenta mil euros.

Miranda xa ten realizado varias viaxes ao país, pois “somos conscientes no Goberno galego da situación delicada que está pasando Venezuela, e da importancia de que as comunidades galegas se vexan acompañadas nestes momentos difíciles. A Xunta está a realizar un esforzo inmenso, estase implicando intensamente coa nosa colectividade, e farao aínda máis no futuro se fose necesario polo agravamento das circunstancias”, asegura o secretario xeral da Emigración.

Segundo os últimos datos do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2016, residen en Venezuela un total de 46.095 galegas e galegos, das e dos cales 29.684 (un 64’4 por cento) naceron xa na diáspora. Trátase, trala canaria, da colectividade española máis relevante nun país que está a atravesar momentos de especial incerteza sobre o seu futuro.

A Fundación
O secretario xeral da Emigración asinou un acordo coa ‘Fundación España Salud’, dotado con sesenta mil euros, polo que esta entidade se compromete a prestar asistencia sanitaria ambulatoria de especialidades e hospitalaria, así como farmacéutica, a cidadás e cidadáns galegos residentes en Venezuela, maiores de 65 anos, en situación de precariedade económica e que por razóns de idade, estado físico e situación de carencia, necesitan a cobertura das citadas necesidades.

A Fundación España Salud é unha entidade sen ánimo de lucro, radicada en Venezuela, cuxo obxecto é a prestación de asistencia médico cirúrxica e farmacéutica ás persoas emigrantes españolas. Entre as e os case 6.300 españolas e españois residentes en Venezuela aos que da cobertura a Fundación España Salud, 1.236 son de orixe galega. 

O cambio de normativa acerca das entidades mutualistas e organizacións de asistencia sanitaria, realizada pola República Bolivariana de Venezuela no ano 2011, provocou que moitas e moitos emigrantes galegos que tiñan subscrita a súa cobertura médica a través de entidades mutualizadas quedaran sen tales coberturas, situación que o convenio axuda a paliar grazas ao traballo de campo da citada Fundación. 

Convenio coa ‘Hermandad’
Canto aos convenios asinados coa Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, o primeiro dos documentos entregados por Miranda na visita aos socios e socias, e ás instalacións da mesma, estaba dotado con setenta mil euros, e ten por finalidade a de contribuír á atención das necesidades socio asistenciais básicas das e dos cidadáns galegos residentes no país.

Para a consecución deste obxecto, a Hermandad levará a cabo dous programas. O primeiro é específico para galegos e galegas maiores que non perciban a pensión económica por ancianidade concedida polo Estado español e se atopen nunha situación de carencia que poña en risco o seu benestar integral e o das súas familias. A entidade galega promoverá a identificación, a través dos seus servizos de asistencia social, daquelas persoas de orixe galega e con nacionalidade española que, carentes de recursos, poidan quedar en grave risco de desprotección sanitaria, favorecendo a súa integración, participación e relación co medio social.

O segundo programa, de atención aos cidadáns galegos e galegas no Centro de Día da Hermandad, cofinancia o desenvolvemento de actividades de carácter promocional, de estimulación e prevención; detección e avaliación de persoas con necesidades básicas a través dos oportunos informes de asistentes sociais da propia entidade; atención alimenticia, a través de comedor subvencionado, axustándose ás necesidades dietéticas persoais, en coordinación co médico xeriatra e o nutricionista; atención á saúde, a través dun servizo médico situado nas instalacións do centro; e atención integral, que incluirá a rehabilitación e estimulación física, cognitiva e relacional, charlas e conferencias.

As e os destinatarios de ambos programas serán as persoas maiores de 65 anos de orixe galega, con nacionalidade española e residentes en Venezuela, que non perciban a pensión económica por ancianidade concedida polo Estado español e non dispoñan de adecuada cobertura de asistencia sanitaria ou se atopen en situación de risco de desprotección social.

Oficina de Información
O segundo dos documentos, dotado cun orzamento de vinte mil euros, asínase para o mantemento dunha oficina de información e atención social en Caracas. Este establecemento ten por finalidade a realización de actividades de información, difusión e asesoramento á colectividade galega de programas e actuacións desenvolvidos a prol dos galegos e as galegas residentes no exterior.

Atención social
Ademais de visitar as instalacións e asinar os mencionados convenios coa Hermandad, Rodríguez Miranda reuniuse con asociacións e fundacións que conforman a entidade, e aínda tivo ocasión de compartir inquedanzas con outras que traballan no ámbito sanitario e na atención social e asistencial a persoas en risco de exclusión social, que centran o seu traballo nos colectivos galego e español en xeral, e coas que explorou posibles vías de colaboración futura. Tamén se reuniu coa directiva da Fundación España Salud, entidade que traballa neste mesmo ámbito e coa que a Xunta vén colaborando desde hai anos.

O secretario xeral da Emigración continuou a súa axenda cunha visita ao embaixador español nesa república, Antonio Pérez-Hernández, para pulsar a actualidade das colectividades galega e española alí residente. Finalmente, rematou esta nova viaxe compartindo cos galegos e galegas a festividade de San Xoán nas instalacións que a Hermandad posúe en Valle Fresco, celebración na que participaron máis de mil cinco socias e socios da entidade.

514 lecturas