Emigración apoia a estrea da nova obra do Centro Dramático Galego ‘Terceiro acto’, unha reflexión sobre a última etapa da vida

  • Imaxe da estrea da obra no Salón Teatro de Santiago de Compostela
    Imaxe da estrea da obra no Salón Teatro de Santiago de Compostela
  • Imaxe dos momentos previos á estrea da obra no Salón Teatro de Santiago de Compostela
    Imaxe dos momentos previos á estrea da obra no Salón Teatro de Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2021.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu no Salón Teatro, acompañando ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, a estrea da nova obra do Centro Dramático Galego, unidade teatral da Xunta de Galicia, Terceiro acto, dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e que reúne un elenco de rostros moi coñecidos para o público. Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha ‘Tatán’ protagonizan esta peza, que ofrece unha reflexión sobre a última etapa da vida e reivindica o papel das persoas maiores na sociedade actual.

Con esta nova produción, o Centro Dramático Galego fai unha nova aposta pola codirección, neste caso da man de dúas mulleres. Avanza así tamén no compromiso adquirido este ano coa adhesión á iniciativa Tempadas de igualdade nas artes escénicas, promovida pola asociación para a igualdade de homes e mulleres na cultura Clásicas e Modernas. A peza convértese nun lugar de encontro, coa conversa como base. Os actores e actrices intégranse nas personaxes, que son elas e eles mesmos, para compartir co público a súa memoria, os seus soños e as súas emocións nunha viaxe apaixonante a través das historias dunha parte viva do teatro en Galicia. Terceiro acto estará no Salón Teatro durante un mes, ata o 16 de maio, no que se ofrecerán máis de 30 funcións de mércores a domingo.  

682 lecturas