Galaxia publica os "Días de Cuba", de Xosé Neira Vilas

Dentro da colección "Memoria" o autor relembra os 31 anos que viviu na illa caribeña.

'Días de Cuba', Editorial Galaxia
"Días de Cuba", Editorial Galaxia
Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo, 22 de maio de 2014.

Estes días chega ás librerías de todo o país o novo libro de Xosé Neira Vilas, titulado Días de Cuba que a Editorial Galaxia publica na súa colección 'Memoria'.

Días de Cuba é unha minuciosa memoria persoal que nos traslada a un país que vive unha singular experiencia no seu devir; unha illa da América hispana moi querida por todos os galegos e as galegas.

Cincuenta anos despois da súa primeira chegada á illa, Xosé Neira Vilas volve a aqueles Días de Cuba desde a lembranza. Viaxaba entón na compaña de Anisia Miranda. Neste libro, que publica Editorial Galaxia, o autor de Memorias dun neno labrego evoca aquel "fervoroso tramo" da súa existencia.

De 1961 a 1992, Xosé Neira Vilas reside en Cuba. Trinta e un anos vividos día a día, intensamente, procurando achegar o seu modesto gran de area ao erguemento dunha nova sociedade e á construción dun novo Estado, dúas empresas que nas circunstancias históricas e incluso xeográficas daquela illa só podían levarse a cabo con moito fervor e tenacidade. Nestas páxinas, as lembranzas cubanas artéllanse arredor de catro eixos.

O primeiro destes eixos narrativos está dedicado aos diferentes labores profesionais desenvolvidos polo escritor; desde alfabetizador e xornalista a tradutor e sindicalista, de miliciano a alumno e mestre. O segundo ordena o relato destas lembranzas polas súas relacións de amizade con, entre outros, escritores coma Nicolás Guillén, Alejo Carpentier e Roberto Fernández Retamar.

O terceiro foco artéllase a partir das "Cartas (máis ou menos intemporais) a Luís Seoane", mentres que o cuarto dá paso aos «Homes na Historia»: José Martí, Ernesto Che Guevara e Fidel Castro. Péchase o libro cos apartados de "agradecemento a Cuba" e cos discursos do escritor na Universidade da Habana e na de Santiago de Compostela, o primeiro con motivo do seu doutoramento Honoris Causa e este último no acto da súa condecoración coa medalla Alejo Carpentier da República de Cuba.

 

Fonte: Editorial Galaxia

1558 lecturas