Día do Patrimonio 2012 no Patronato da Cultura Galega de Montevideo
O Día do Patrimonio celébrase no mes de outubro, co obxecto de difundir os valores da cultura nacional uruguaia, xa sexa material ou inmaterial.
Está organizado polo Ministerio de Educación e Cultura do Uruguai.
Día do Patrimonio 2012. Foto: Patronato da Cultura Galega de Montevideo.
Día do Patrimonio 2012. Foto: Patronato da Cultura Galega de Montevideo.
Día do Patrimonio 2012. Foto: Patronato da Cultura Galega de Montevideo.
Día do Patrimonio 2012. Foto: Patronato da Cultura Galega de Montevideo.
Día do Patrimonio 2012. Foto: Patronato da Cultura Galega de Montevideo.
Os días 6 e 7 de outubro o Patronato da Cultura Galega abriu as súas portas coa finalidade de ser parte dos festexos programados polo «Día do Patrimonio».
A vella casa grande de fins do século XIX que fora propiedade da familia Deambrosis, e que a partir do 15 de novembro do 2008 e logo dun proceso de reciclaxe alberga á institución, recibiu neses días un gran número de visitantes, algúns e algunhas con raíces galegas e outras persoas simplemente coa inquietude de coñecer máis acerca de Galicia, a súa xente e a súa cultura. Durante todo o día realizáronse visitas guiadas e na tarde tivo lugar a actuación dos grupos artísticos.
Sobre as 15,30 h. daba comezo a actuación do coro da institución. Francisco Antelo director do conxunto integrado por máis de cincuenta persoas, introducía a actuación explicando brevemente os temas sobre os que se basean as cancións tradicionais galegas. A continuación, as e os presentes puideron deleitarse coa interpretación de cancións moi coñecidas como A Virxe da Barca, Pousa, Pousa, A Carolina, Na Beira ou A Rianxeira, entre outras.
Posteriormente, o Grupo de Pandeireta e Canto que dirixe Mabel Calbelo, interpretou cancións tradicionais acompañadas de instrumentos de percusión como a pandeireta e outros obxectos usados para estes fins como a botella e as vieiras. Os ritmos tradicionais como a muñeira, a xota de cinco toques e o maneo acompañaron ás cancións O Cantar de Bembibre, Xota de Seixedos, O Malhao (esta acompañada só de palmas), O Manel, Chiqui Chiqui e Ribeirana de Sequeiros.
É de destacar que a canción tradicional galega é unha das manifestacións da cultura deste pobo e chegou ata os nosos días por medio da transmisión oral. A lingua galega foi mantida a través desta forma de expresión, sendo a canción o único medio existente para poder difundir (sobre todo en épocas de escurantismo) algo tan prezado como o idioma galego, e aí radica a súa enorme importancia.
O punto final á parte artística dábao o Conxunto de Baile Crioulo, que baixo a dirección de Susana González presentou as danzas máis típicas do folclore de Uruguai coa graza e a simpatía que caracteriza a este conxunto.
O canto e a execución de instrumentos tradicionais, ao igual que outras formas artísticas como o baile, seguen sendo os medios máis tradicionais que ten unha nación para facer coñecer a súa cultura a todo nivel e transforma ás e aos seus participantes en verdadeiros embaixadores e embaixadoras da sabedoría dun pobo, posibilitando neste caso en particular, o achegamento entre dúas terras historicamente irmandadas como é o caso de Galicia e o Uruguai.
Fonte e fotos: Patronato da Cultura Galega de Montevideo
Novas relacionadas



