Unha deseñadora galega retornada crea moda circular en Lugo apoiada pola Xunta

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron hoxe o obradoiro desta creadora retornada do Brasil que deseña coleccións que xa desfilaron na Fashion Week.

A liña de Axudas ao Retorno Emprendedor, que este ano chega ata os 10.000 euros, continúa aberta ata o 29 de setembro.

  • O prazo de solicitude das Axudas ao Retorno Emprendedor 2023 estará aberto ata o 29 de setembro
    O prazo de solicitude das Axudas ao Retorno Emprendedor 2023 estará aberto ata o 29 de setembro
  • O prazo de solicitude das Axudas ao Retorno Emprendedor 2023 estará aberto ata o 29 de setembro
    O prazo de solicitude das Axudas ao Retorno Emprendedor 2023 estará aberto ata o 29 de setembro
  • O prazo de solicitude das Axudas ao Retorno Emprendedor 2023 estará aberto ata o 29 de setembro
    O prazo de solicitude das Axudas ao Retorno Emprendedor 2023 estará aberto ata o 29 de setembro
Listen to this page using ReadSpeaker
Lugo, 24 de abril de 2023.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, coñeceron hoxe o proxecto empresarial dunha veciña deste concello retornada de Brasil que puxo en marcha a súa propia firma de moda grazas ás Axudas ao Retorno Emprendedor que acaban de convocarse fai uns días.   

Carolina Rodeiro de Farias retornou a Galicia grazas a unha Bolsa de Excelencia Mocidade Exterior - BEME para facer un máster na Universidade de Santiago de Compostela;  posteriormente puxo en marcha o seu negocio en Lugo, solicitando unha axuda ao retorno emprendedor que se viu apoiada tanto pola axuda por covid posterior como pola iniciativa de mentorización Merlo que ofrece a Secretaría Xeral da Emigración.

Contou cunha axuda de 6.000 euros da Secretaría Xeral da Emigración a través do programa de Axudas ao Retornado Emprendedor e outros 3.000 da liña covid que se aplicou con motivo de paliar os problemas económicos xurdidos a causa da pandemia.  

Carolina Rodeiro retornou de Brasil, aínda que os seus antepasados son de Verducido, no concello pontevedrés de A Lama. Optou por residir en Lugo onde puxo en marcha a súa firma de moda circular, Aobá Upcycling, coa que participou na Fashion Week de Madrid o pasado ano.

O secretario xeral destacou o labor desta artista “que foi seleccionada entre 80 solicitudes para mostrar a súa moda na pasarela madrileña, o que vén a demostrar que dende Galicia estase a facer un deseño de gran calidade. É unha honra que retornados coa súa experiencia e capacidade aposten por Galicia como o lugar onde vivir e onde emprender”.

As axudas para o Retorno Emprendedor parten dos 6.000 euros (aumentables en 1.000 se a beneficiaria é muller e outros 3.000 se se pon en marcha nun concello rural), podendo chegar así ata un total de 10.000 euros.

Esta liña de subvencións ten como fin favorecer o retorno á nosa comunidade autónoma dos galegos e galegas residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia. 

Trátase dunha das máis de 100 medidas activas da nova Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinada pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia. 

A convocatoria está aberta ata o 29 de setembro. Máis información nesta ligazón.

530 lecturas