Descende lixeiramente o número de galegas e galegos nados na Galicia territorial e residentes no exterior

O padrón de galegas e galegos de dereito con residencia no estranxeiro ascende ata as 493.970 persoas, debido sobre todo á nacionalización de españois adscritos a algunha provincia galega por mor da Lei de Memoria Histórica, ou ao nacemento, ou retorno ao seu país de nacemento, de galegos nados fóra do territorio.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2015.

O número de galegas e galegos residentes no estranxeiro ascendeu, segundo os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE), ata as 493.970 persoas, a data 1 de xaneiro de 2015, en consonancia co incremento rexistrado no resto de España.

Cómpre aclarar que este aumento débese, segundo os países e grupos de idade, ao crecemento vexetativo por nacemento de galegos no Exterior; ao retorno de cidadáns con pasaporte español e/ou dobre nacionalidade, e veciñanza galega, aos seus países de nacemento; e sobre todo, como factor fundamental, á nacionalización como españois, adscritos a algunha provincia galega, de cidadáns de terceiros países, fundamentalmente como consecuencia da chamada Lei de Memoria Histórica; entre outras causas.

Así, o número de galegos residentes no Exterior e inscritos na mesma provincia do seu nacemento rexistrou un lixeiro descenso, pasando de 149.503 con datos a 1 de xaneiro de 2014, a 149.315 con datos á mesma data de 2015. Aumentou o número de galegos inscritos en provincia galega e nados en provincia distinta á do seu nacemento (pode ser calquera española) de 6.051 a 6.308. E máis do 99 por cento do aumento de galegos residentes no Exterior débese a cidadáns xa nados no estranxeiro, que pasou de 321.627 a 336.210. (*)

Emigrante versus residente no Exterior

O aumento no número de galegos residentes no Exterior non debe identificarse co número de persoas que “emigran”, pois moitos dos primeiros nunca residiron en Galicia. Deste feito dá proba que Arxentina, Cuba, Brasil e Venezuela son algúns dos países onde se rexistra nos últimos anos o aumento máis significativo de cidadáns galegos.


(*) A suma destas tres cifras non acada a total, 493.970, porque existe unha pequena porcentaxe que o INE non atribúe directamente, por non constar o dato.

938 lecturas