Dos 22.300 novos galegos e galegas do exterior en 2013, unicamente 3.662, o 16%, estaban antes inscritos en Galicia

O aumento no número de galegos e galegas no exterior non debe identificarse co número de persoas que emigran, pois moitas e moitos dos primeiros nunca residiron en Galicia, do que dá proba que Arxentina, Cuba, Brasil e Venezuela son os países con maior aumento de cidadás e cidadáns galegos residentes durante o ano 2013.

A adquisición de nacionalidade derivada da Lei de memoria histórica explica datos rechamantes como o de ‘novos galegos’ en Cuba, 4.275, das e dos que só 13 son nados na súa provincia de inscrición.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2014.

O INE (Instituto Nacional de Estatística) vén de facer hoxe públicos os datos referidos ao PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro) a 1 de xaneiro de 2014, nos que expón as novas inscricións de persoas con nacionalidade española, e a súa correspondente provincia de inscrición, durante o ano 2013.

No caso das catro provincias galegas, o aumento de poboación no exterior ascende a 22.329 persoas, pero este número non pode identificarse en ningún caso con “emigrantes”, posto que na súa inmensa maioría nunca residiron en Galicia. Así, desas máis de 22.000 persoas, unicamente estaban anteriormente inscritas na súa provincia o 16’4 por cento, 3.662, mentres que máis de 18.000 naceron no estranxeiro, sempre segundo os propios datos do INE.

Isto débese a dous fenómenos paralelos no tempo: a adquisición da nacionalidade española (e posteriormente cidadanía galega) derivada da Lei de memoria histórica, e á volta aos seus países de orixe de galegas e galegos de dereito que, nados noutros países, viviron provisionalmente na Galicia territorial durante algún tempo, pero que agora deciden retornar.

Matiz importante
Só desta maneira pódense explicar datos especialmente rechamantes, como o de “novos galegos” en Cuba, 4.275. Delas e deles, só 13 (o 0’3%) naceron na súa provincia de inscrición. Outros países con claro desfasamento neste aspecto son a República Arxentina (5.501 novas persoas inscritas, pero 367 nadas en Galicia) ou Venezuela (1.924 novas inscricións, pero só 375 con nacemento na súa provincia).

Así, o aumento xeral máis relevante de galegas e galegos residentes no exterior rexístrase nos países americanos (17.875 novas inscricións, dos que só 1.590 naceron na súa provincia de inscrición), e só 4.076 nos europeos (e destas e destes, só 1.881 naceron nas catro provincias galegas).

Galegas e galegos de dereito, e de nacemento
Outro dato que confirma que en ningún caso se pode identificar aumento de inscritas e inscritos con número de emigrantes en sentido tradicional é a comparación entre países con maior aumento de persoas inscritas respecto da porcentaxe de galegas e galegos anteriormente inscritos nalgunha provincia da Galicia territorial. Así, por aumento “bruto”, subiu o número de persoas galegas en Arxentina (5.501), Cuba (4.275), Brasil (2.256), Venezuela (1.924) e Suíza (1.474); pero este quinto país encabeza en cambio a listaxe de galegas e galegos nados en Galicia que se rexistraron no estranxeiro en 2013: Suíza (684), Venezuela (375), Arxentina (367), Estados Unidos (que tampouco aparecía na listaxe “bruta”, 337), e Reino Unido (ídem, 352).

755 lecturas