2015 consolida o descenso do número de emigrantes galegas e galegos no exterior

O alto interese dos fillos e fillas de emigrantes por manter vínculos con Galicia eleva o padrón de cidadás e cidadáns galegos residentes no estranxeiro por riba do medio millón de persoas.

Pola contra, o número de galegas e galegos nados en Galicia e residentes no estranxeiro diminuíu en 1.741 persoas.

Galicia amosa un comportamento estatístico contrario ao resto do Estado: fronte a ese descenso en Galicia de 1.741 persoas, o número de españois e españolas nados en España e residentes fóra aumenta en 27.062.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2016.

A forte vinculación das segundas e terceiras xeracións de galegas e galegos coa terra das e dos seus pais e avós orixina que o número de galegas e galegos residentes no estranxeiro ascendera por riba do medio millón de persoas, pasando de 493.970 no ano 2014 a 503.840 en 2015.

Nese total, aumenta de maneira continuada o número de galegas e galegos residentes fóra que xa naceron no estranxeiro; mentres descende, tamén de maneira constante, o número de persoas galegas residentes fóra e nadas en Galicia. Na seguinte gráfica poden verse ambas cifras:

Este aumento do número global de galegas e galegos residentes no Exterior débese fundamentalmente á adquisición de nacionalidade como españolas  e españois, adscritos a algunha provincia galega, de cidadás e cidadáns xa nados no estranxeiro. Trátase dun expoñente claro, na estatística oficial, da comentada vinculación entre as xeracións novas no Exterior e a terra de orixe familiar.

Este vencello, que garante a continuidade da Galeguidade en todo o mundo, supón unha vantaxe comparativa importante para Galicia respecto doutros territorios: conta en moitos países con comunidades perfectamente asentadas e altamente influentes en diversos ámbitos. Así se explica o  feito de que Arxentina, Cuba, Brasil e Venezuela sexan algúns dos países onde se rexistra nos últimos anos o aumento máis significativo de cidadás e cidadáns galegos.

Menos emigrantes
Sen embargo, o número de emigrantes descendeu en 1.741, baixando desde 149.315 a 147.574. A porcentaxe das e dos que naceron na Galicia territorial e marcharon fóra de España (respecto do número total de galegas e galegos residentes no Exterior) segue a diminuír: pasou do 30’74 % en 2014 ao 29’28 % en 2015. En cambio, medra en proporción constante a porcentaxe dos galegos e galegas residentes no Exterior que naceron xa no estranxeiro, que en 2015 chegou ao 70’22 %. É dicir: sete de cada dez galegas e galegos residentes no Exterior NON naceron en Galicia. A seguinte gráfica reflicte a porcentaxe de galegas e galegos residentes no estranxeiro nados fóra, respecto da poboación galega total residente no estranxeiro :

O número total de galegas e galegos no Exterior, tanto das e dos nados dentro da Comunidade como fóra, recolle unha tendencia contraria á das cifras globais do conxunto de España. Así, e segundo os datos feitos públicos esta semana polo Instituto Nacional de Estadística (INE), o incremento da poboación galega no Exterior foi en 2015 tres puntos porcentuais menor ca do resto de España.


Fonte dos datos: INE, Instituto Nacional de Estatística, datos feitos públicos o 17 de marzo de 2016

564 lecturas