Descende en 2015 en máis de 1.700 o número de galegas e galegos emigrantes no exterior

Segundo os últimos datos do INE, o padrón de galegas e galegos con residencia no estranxeiro aumenta en 9.870 persoas, pero este incremento é debido exclusivamente á nacionalización de cidadás e cidadáns españois adscritos a algunha provincia galega xa nados no estranxeiro.

Os datos estatísticos galegos amosan unha tendencia contraria á do resto do Estado: as e os españois nados en España e residentes fóra si aumenta, en 27.062. No caso das galegas e os galegos nados en Galicia e que residen no Exterior, diminuíron en 1.741.

Das galegas e os galegos residentes no Exterior, un 69’07 % naceu xa no estranxeiro, e a porcentaxe das e dos que naceron en Galicia e marcharon diminuíu un punto en 2015.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2016.

O número de galegas e galegos residentes no estranxeiro ascendeu, segundo os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE), ata as 503.840 persoas, a data 1 de xaneiro de 2016, cun incremento tres puntos porcentuais menor ca o resto de España.

Cómpre aclarar que o número global de cidadás e cidadáns galegos residentes no Exterior débese, segundo os países e grupos de idade, ao crecemento vexetativo por nacemento de galegas e galegos no Exterior; ao retorno de cidadás e cidadáns con pasaporte español e/ou dobre nacionalidade, e veciñanza galega, aos seus países de nacemento; e sobre todo, como factor fundamental, á adquisición de nacionalidade como españois ou españolas, adscritos a algunha provincia galega, de cidadás e cidadáns xa nados no estranxeiro.

Así, mentres aumentou o número galegas e galegos residentes no Exterior xa nados no estranxeiro, en 11.827 persoas, descendeu en cambio o de galegas e galegos nados en Galicia que emigraron, que baixou en 1.741, desde 149.315 a 147.574. A diferenza entre ambas cifras é a que arroxa o saldo de 9.870 persoas de aumento global, sempre segundo os datos oficiais feitos públicos hoxe polo INE.

Emigrante versus residente no Exterior
O aumento no número de galegas e galegos residentes no Exterior non debe identificarse co número de persoas que “emigran”, pois a inmensa maioría dos primeiros nunca residiron en Galicia. Así, das e dos galegos residentes no Exterior, un 69’06 % naceu xa no estranxeiro, e a porcentaxe dos que naceron en Galicia e marcharon segue a diminuír, do 30’22 % en 2014 ao 29’28 % en 2015.

Desa necesidade de diferenciar emigrante versus residente no Exterior dá proba o feito de que Arxentina, Cuba, Brasil e Venezuela sexan algúns dos países onde se rexistra nos últimos anos o aumento máis significativo de cidadás e cidadáns galegos.

En imaxes
582 lecturas