Unha delegación de Lourenzá en Cuba entregou axudas a emigrantes do municipio

Listen to this page using ReadSpeaker

A delegación de Lourenzá que se atopa de visita en Cuba para celebrar o centenario da sociedade Hijos de Lorenzana na Habana realizou durante a tarde do sábado, a madrugada do domingo en España, unha das actividades máis entrañables da súa estancia na capital cubana, como foi o contacto directo con familiares de veciños do municipio de Lourenzá, aos que lles fixeron entrega de diversos paquetes que lles enviaron desde aquí.

O alcalde de Lourenzá, Vidal Martínez-Sierra, subliñou a súa satisfacción por toda a viaxe en xeral, pero tamén por este acto de corte particular en concreto, porque explicou que levaron a Cuba desde diñeiro en metálico ata outras cousas aquí abundantes e alí non tanto como medicamentos, e incluso documentación que en moitos casos vailles a ser imprescindible para poder obter a nacionalidade española a algúns fillos de emigrantes que agora mesmo a están solicitando.

Na noite de onte hora española celebrouse o acto central do centenario da Sociedad Hijos de Lorenzana na Habana, unha comida na que estaba prevista a intervención dos seus responsables, membros doutros colectivos vinculados a Galicia que aínda perviven na Habana, así como do propio alcalde de Lourenzá.

Vidal Martínez-Sierra explicou que nesta viaxe puido completar unha recollida de información importante que lle será de utilidade para poder documentar un libro que está a elaborar sobre a emigración laurentina cara a Cuba e que polo momento non ten finalizado.

O rexedor asegurou estar especialmente sorprendido "da atención que nos están dispensando, porque incluso nos foron a recibir ás dúas da mañá, e alí necesitas permisos especiais para facer ese tipo de cousas, non é como aquí.

Á marxe desas actividades, a delegación laurentina, na que tamén están a esposa do alcalde, a técnica de cultura e a animadora sociocultural, foi realizando diversas visitas a distintas entidades e lugares, como os xardíns do Tropicana, onde se fixeron as primeiras festas que organizou a comunidade laurentina na capital cubana.

 

Fonte: El Progreso

En imaxes
1132 lecturas