DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DA XUNTA DE GALICIA CON MOTIVO DA CONMEMORACIÓN DO 110 ANIVERSARIO DA ESTREA DO HIMNO GALEGO

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2017.

A Xunta de Galicia súmase á celebración do cento dez aniversario do Himno Galego, interpretado por vez primeira nas terras da emigración habaneira, orixe así mesmo doutros destacados símbolos do noso pobo, como a súa bandeira ou sociedade promotora da Academia Galega.

O noso himno resoou por vez primeira no Teatro do Centro Gallego da Habana o 20 de decembro de 1907, data na que a comunidade galega en Cuba homenaxeou a Pascual Veiga, autor da música que acompañou o poema Os pinos de Eduardo Pondal, convertido a partir de entón en emblemática letra do noso canto comunal.

Dende aquela xornada ata a actualidade, todas as galegas e galegos teñen no himno un símbolo do seu vencello coa comunidade, que espella nos seus sons e versos a querenza pola Terra, a adhesión ao idioma, a pertenza ao noso pobo. Por iso, neste cento dez aniversario, a Xunta de Galicia quere lembrar tan sinalada efeméride e congratularse pola conmemoración deste relevante episodio para a Historia de noso.

O Himno Galego, por Andrea Pousa:

 

409 lecturas