A Xunta de Galicia colabora co congreso ‘Francisco Añón’ para poñer en valor a obra do poeta no bicentenario do seu nacemento

O secretario xeral de Cultura inaugurou na tarde de onte a iniciativa, “que contribuirá a redescubrir o papel de Añón como precursor do noso idioma e das nosas letras”.

A Cidade da Cultura acolle entre onte e hoxe a celebración do congreso, no marco do quese presentará o libro ‘Vida e obra de Francisco Añón.

  • Anxo Lorenzo no Congreso 'Francisco Añón' na Cidade da Cultura.
    Anxo Lorenzo no Congreso "Francisco Añón" na Cidade da Cultura.
  • Anxo Lorenzo no Congreso 'Francisco Añón' na Cidade da Cultura.
    Anxo Lorenzo no Congreso "Francisco Añón" na Cidade da Cultura.
Listen to this page using ReadSpeaker

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora co Concello de Outes na realización do congreso Francisco Añón. Bicentenario do nacemento do poeta, que se celebra entre onte e hoxe na Cidade da Cultura de Galicia. A iniciativa foi inaugurada, na tarde de onte xoves, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen se referiu ao congreso como “unha oportunidade para redescubrir o importante papel de precursor do noso idioma e das nosas letras que lle debemos a Francisco Añón”, así como para “contribuír a un maior coñecemento social da súa figura e da súa obra”.

No acto de inauguración, que tivo lugar na Biblioteca da Cidade da Cultura, acompañaron ao secretario xeral o alcalde de Outes, Carlos López Crespo; o coordinador do congreso, Xoán X. Mariño, e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, que foi o encargado de abrir o congreso cun relatorio sobre a xeración de 1846.

A realización deste congreso enmárcase no convenio de colaboración subscrito pola Secretaría Xeral de Cultura e o Concello de Outes para a realización de distintos actos de homenaxe arredor do segundo centenario do nacemento do poeta Francisco Añón, “precursor do noso renacemento cultural e lingüístico cuxa obra necesita ser impulsada”, afirmou Anxo Lorenzo.

Con este obxectivo de favorecer un maior coñecemento social do obra do poeta de Outes e unha meirande difusión da súa figura, a Secretaría Xeral de Cultura tamén apoiou a publicación do libro Vida e obra de Francisco Añón, que acaba de editar a Editorial Galaxia. A presentación deste volume é unha das iniciativas que conforman o programa do congreso, no que participarán como relatores Xesús Alonso Montero, Rosario Álvarez e Gonzalo Navaza, entre outros.

Posta en valor da literatura galega
Ademais da celebración do bicentenario de Francisco Añón, a Xunta de Galicia apoiou no ano 2012 diversas efemérides que contribúen a poñer en valor a literatura galega e os seus escritores e escritoras. Entre elas destaca o centenario do nacemento do tamén poeta Celso Emilio Ferreiro, arredor do que se desenvolveu un completo programa de actividades para a difusión social da obra e da figura do escritor.

850 lecturas