A Consellería de Sanidade e a Comisión Europea asinan un convenio de colaboración para dar asistencia ao funcionariado da UE que vive ou traballa en Galicia

Nun acto que contou coa presenza da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, e do xefe da Oficina Central do Seguro de Enfermidade e de Accidentes da Comisión Europea, Giuseppe Scognamiglio.

Listen to this page using ReadSpeaker
1 de febreiro de 2012.

Galicia é a primeira Comunidade Autónoma de España en contar cun convenio de colaboración coa Unión Europea que permita dar asistencia sanitaria aos funcionarios e ás funcionarias da Comisión Europea que viven ou traballan nela. Con este fin, a Conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez; e o xefe da Oficina Central do Seguro de Enfermidade e de Accidentes da Comisión Europea, Giuseppe Scognamiglio, asinaron hoxe o correspondente documento no que se recolle o procedemento de acceso á prestación de asistencia sanitaria do persoal afiliado ao réxime común de seguro de enfermidade da Comisión Europea que opte por recibila a través do Sergas.

Así, estas persoas poderán contar con cobertura en Atención Primara e Especializada coas mesmas características que as e os galegos; e disporán de tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde na que se incluirá a identificación UE que acreditará o seu dereito á asistencia.

Ata o momento, para estas e estes cidadáns non había estandarización da asistencia e non podían acudir á Atención Primaria. Neste sentido, a CE solicitou que os seus funcionarios e as súas funcionarias sexan atendidas nos centros sanitarios públicos de Galicia de maneira planificada e a demanda dos mesmos para garantir a accesibilidade e a continuidade dos coidados.

A asistencia sanitaria destes traballadores e traballadoras será sufragada pola UE de acordo ás tarifas oficiais do Sergas; e o convenio será aplicado non só ás e aos funcionarios en activo, senón tamén a aqueles xubilados e aquelas xubiladas que decidan residir en Galicia. A formalización deste acordo mediante a sinatura de hoxe entre Rocío Mosquera e Giuseppe Scognamiglio permite dotar de estabilidade e garantía de asistencia sanitaria ás e aos traballadores da UE, ao tempo que se axiliza a tramitación burocrática, de forma que os procedementos de pago se realizarán de maneira directa.

Galicia e a Unión Europea apostan así por un marco de axilización dos trámites administrativos nun contexto de igualdade de acceso e de trato. O convenio permite, igualmente, o afianzamento e a estabilidade das institucións da UE na Comunidade Autónoma.

967 lecturas