A Xunta convoca axudas para autónomas e autónomos por preto de 24,5 millóns con incentivos específicos para persoas emigrantes retornadas

Os apoios aspiran a beneficiar a máis de 7.000 autónomas e autónomos e traballadoras e traballadores e a unhas 545 empresas, e a contía dos apoios incrementarase nun 25% extra para as persoas emigrantes retornadas.

As axudas forman parte da Estratexia Retorna 2020 que está a promover o Goberno galego e que, dotada de 235 millóns, ten como obxectivo acadar a volta de máis de 20.000 cidadás e cidadáns galegos.

A Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia, dotada de 235 millóns de euros, ten como obxectivo acadar a volta de máis de 20.000 galegas e galegos
A Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia, dotada de 235 millóns de euros, ten como obxectivo acadar a volta de máis de 20.000 galegas e galegos
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2020.

A Xunta de Galicia está a activar diferentes programas de apoio por preto de 24,5 M€ para axudar as persoas que traballan por conta propia a consolidar os seus negocios, crear emprego e conciliar a vida familiar e laboral, e nas que as e os retornados galegos contan con incentivos específicos. 

Entre estas medidas cabe destacar o programa Nova Oportunidade, que concederá ata 12.000 euros a persoas que estiveron á fronte de iniciativas que non foron adiante para que volvan emprender; o Bono Renova, que promove o traspaso dos negocios e impulsar a transmisión xeracional con axudas dende 5.000 ata 29.000 euros: ou as axudas para impulsar o emprego autónomo e apoiar a consolidación do existente, cuxa nova convocatoria contará desta volta 13,6 millóns de euros, coa previsión de beneficiar a 4.000 autónomas e autónomos e 125 empresas.

En total, o conxunto destas liñas aspira a beneficiar a máis de 7.000 autónomas e autónomos e traballadoras e traballadores e arredor de 545 empresas, e a contía dos apoios incrementarase nun 25% extra no caso das persoas emigrante retornadas. 

As actuacións enmárcanse na Estratexia Retorna 2020 que está a promover o Goberno galego e que, dotada de 235 millóns, ten como obxectivo acadar a volta de máis de 20.000 galegas e galegos. 

Dentro desta mesma estratexia, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, vén de activar outros catro programas distintos que, dotados cun total de 12 millóns de euros, teñen tamén entre os seus obxectivos fomentar a contratación das e dos galegos retornados priorizando o seu acceso ao emprego. 

Deste xeito, o Goberno galego segue a traballar para facilitar o retorno, ofrecendo aos beneficiarios e beneficiarias as mellores condicións para que escollan Galicia como o lugar idóneo no que desenvolver os seus proxectos profesionais e familiares. 

As cifras de retorno á comunidade amosan que se están a cumprir os obxectivos previstos na Estratexia. Así, no 2018, último dato oficial, volveron a Galicia máis de 7.000 cidadás e cidadáns galegos, no que supón a mellor cifra da década e o quinto exercicio consecutivo de incremento do retorno. E no que vai de lexislatura, desde o 2016, teñen volto á terra máis de 18.000 galegas e galegos. 

995 lecturas