A Comisión Delegada do IX Consello de Comunidades Galegas centrou as bases de actuación do goberno galego para a emigración no 2010-2012

Santiago Camba e expuxo ante a Comisión as liñas que se porán en marcha, así como a análise das accións contempladas no Plan Integral da Emigración 2010-2012 e que serán executadas ao longo do ano 2010.

Os membros que conforman este órgano reuníronse no centro galego de Montevideo, que ven de celebrar o seu 130º aniversario e é hoxe a entidade máis antiga do mundo en funcionamento.

A Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas no exterior celebrou hoxe a xuntanza previa ao IX Pleno, que xuntará en Montevideo entre o 7 e 8 de decembro aos 137 representantes dos centros galegos no mundo.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Comisión Delegada do IX Pleno do Consello de Comunidades Galegas ven de celebrar a súa reunión anual pola que se avaliou o grao de execución do Plan Integral da Emigración 2010-2012, que busca centrar as bases de actuación do Goberno de Galicia coas entidades galegas, os emigrantes e os seus descendentes, con vistas a fortalecer e estruturar de forma operativa á Galeguidade no século XXI.

O Centro Galego de Montevideo, que ven de celebrar o seu 130º aniversario

O secretario xeral da emigración, Santiago Camba, foi o encargado de expoñer ante a Comisión as liñas que se porán en marcha en relación a este Plan, así como a análise das accións contempladas no documento e que serán executadas ao longo do ano 2010.

Plan Integral da Emigración 2010-2012
No transcurso da xuntanza o responsable de Emigración informou ante os membros da Comisión delegada permanente as liñas que se adoitarán para os próximos anos en materia socioasistencial, pola que se estende o dereito á prestación sanitaria, durante as estancias temporais en Galicia aos galegos residentes no exterior; ademais de fomentar as políticas tendentes a garantir a eficiencia, eficacia e a sustentabilidade dos centros que presten asistencia sanitaria e socioasistencial á colectividade, potenciando a elaboración de estudos para identificar aos galegos en situación de precariedade ou en risco de exclusión social e as medidas de intervención efectivas.

Outra das propostas valoradas positivamente foi o fomento e apoio dos procesos tendentes á unión e integración das comunidades galegas, “sempre que estes procesos estean determinados en común acordo das entidades, mantendo os obxectivos fundacionais das mesmas sen menoscabo de que a unión de entidades teña como resultado a posibilidade de incrementar estes obxectivos”.

Voz propia ás entidades para definir estratexias sostibles
O Plan Integral da Emigración 2010-2012 define, así mesmo, a necesidade de potenciar o Consello de Comunidades Galegas e a Comisión Delegada á hora de dar ás entidades galegas no exterior que “reclaman un papel máis activo e operativo á hora de definir estratexias e accións”. Daí o compromiso en incrementar os proxectos tendentes a garantir que as entidades galegas, nas súas estruturas e principais actividades, sexan sostibles e xeren novas capacidades para as comunidades e así “desenrolar proxectos máis ambiciosos en beneficio dos galegos residentes no exterior”.

Entre outra das inquedanzas expostas fíxose fincapé na demanda de espazos de encontro e debate entre a mocidade galega dos que establecer un novo diálogo interxeneracional e a integración responsable da mocidade nas entidades galegas, un paso, determinouse, “necesariamente acompañado de procesos de formación de alto valor para mozos galegos no exterior”- de carácter presencial e online- adecuados ás necesidades formativas que sinalen os propios mozos, “pola súa preparación en materias que engadan valor á súa integración nas entidades galegas”.

Deuse conta, así memso, do apoio por parte da secretaría xeral ás actividades organizadas polas mulleres da galeguidade, a súa integración nas comunidades galegas no exterior e o fomento dos estudos sobre o papel da muller na emigración.

Maior racionalidade nos programas e adianto das convocatorias de axudas
Doutra banda, o subdirector xeral de Comunidades Galegas, Andrés Castro, expuxo os aspectos diferenciadores para a convocatoria dos plans e programas de actuación que presenta a secretaría xeral da Emigración para o ano 2010; “agrupando e racionalizando os distintos programas para que éstes resulten máis operativos e coherentes ás necesidades das comunidades galegas”.

Outra das grandes novidades introducidas neste punto foi o adianto das convocatorias de axudas e subvencións para os centros galegos “que xa están redactadas e publicadas no vindeiro mes de decembro”. “Os prazos se están cumprindo, afirmou o responsable das Comunidades Galegas, adiantámonos en seis meses respecto da convocatoria do 2009, co que as entidades terán maior marxe de manobra nas inversións”.

Neste punto, a fin de axilizar ao máximo os procesos de ordes e convocatorias o Plan Integral da Emigración 2010-2012 contempla a aplicación da e-administración para as comunidades galegas con iniciativas concretas en teletramitación.

Comisión permanente
A Comisión Delegada, con carácter permanente é o órgano que representa ao Consello nos periodos intermedios e é renovada cada tres anos coincidindo coa celebración dos Plenos. Pola Lei da Galeguidade ten atribuídas, entre outras, a competencia de revisar anualmente resolucións estudiadas e debatidas no Consello. Entre as súas competencias cóntase, así mesmo, a preparación dos plenos e a elaboración dunha memoria anual.

O Secretario Xeral da Emigración presidindo a xuntanza da Comisión Delegada, en sesión de traballo no Centro Galego de Montevideo.

A Comisión Delegada está composta por catorce membros, dos que dous -representantes do Centro Galego de Bos Aires e a Casa de Galicia de Montevideo- son natos e permanentes, e doce elixidos polo pleno do Consello de Comunidades Galegas que representan ás áreas xeográficas de España, Europa e América. Por España estiveron presentes os representantes de Centro Galego de Santander, Centro Galego de Salamanca, Agrupación Cultural Saudade de Barcelona e Casa de Galicia en Bilbao; Centro Galego de Nuremberg, Centro Galego de Marsella, Sociedade Cultural Recreativa “O Lar Galego” de Rotterdam e Sociedade “A Noza Galiza” de Xenebra por Europa e por América estiveron Sociedade Galega de Arentei, Vilamarín e a Peroxa de Bos Aires, o Centro Recreativo Uniâo do río Tea de Salvador de Bahía, o Centro Social, Cultural e Deportivo de Bolos Valle Miñor de Montevideo e a Hermandad Gallega de Venezuela.

2340 lecturas