Miranda trasladou aos galegos e galegas do Brasil, un dos máis castigados pola pandemia do coronavirus en todo o mundo, a solidariedade de toda a Galicia territorial
O secretario xeral da Emigración quixo agradecer ás galegas e galegos do país suramericano o traballo e a colaboración que prestan ao Goberno galego na atención das persoas maiores.
O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, trasladou aos galegos e galegas do Brasil a solidariedade e o apoio de todas e todos os veciños da Galicia territorial nestes momentos de especial complexidade para o país, un dos que máis está a sufrir as consecuencias da pandemia do coronavirus. O titular do departamento autonómico amosou, así, a súa preocupación pola situación dunha colectividade que, malia estar a demostrar estar concienciada sobre a agresividade e perigosidade da epidemia da covid-19, ve aumentar os casos entre a poboación desta vasta rexión suramericana.
Miranda aproveitou, así mesmo, esta rolda de contactos permanentes coa colectividade exterior para agradecerlle o traballo e a colaboración que vén prestando desde hai anos ao Goberno galego na atención ás persoas maiores galegas residentes no país, un dos grupos de poboación máis vulnerables especialmente durante esta epidemia mundial.
Na xuntanza telemática participaron responsables da Sociedade Espanhola de Beneficiencia, a Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada e a Peña Galega de Casa de España, de Rio de Xaneiro; a Associação Cultural Hispano-Galega Caballeros de Santiago, o Centro Cultural e Recreativo Hispano-Galego (Centro Español), a EDACE-Escola de Dança, Arte e Cultura Galega e Espanhola e o Galicia Esporte Clube, de Salvador de Baía; a Sociedade Beneficiente Rosalía de Castro e a Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instruçao, de São Paulo; o Club Español de Niteroi; a Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficiente Rosalía de Castro e o Centro Español de Repatriación, de Santos; o Grêmio Espanhol de Socorros Mutuos e Instruçao de Belo Horizonte; e a Casa de Galicia do Centro Espanhol do Paraná de Beneficiencia e Cultura de Curitiba.
A segunda colectividade galega do mundo
A de Brasil pasa por ser, ademais, a segunda colectividade galega máis numerosa do mundo, con 49.467 persoas, precedida unicamente pola arxentina, que lidera a listaxe a distancia do resto de países, con máis de 180.000 cidadás e cidadáns galegos residentes. Do total de galegas e galegos que viven no país, unicamente 13.319 son maiores de 65 anos, mentres 5.598 teñen menos de 16 anos e as e os 30.550 restantes son de entre 16 e 64 anos, segundo os datos publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE) a 1 de xaneiro de 2020.
Novas relacionadas