Circular informativa sobre a incorporación ao programa "Actividades de campamentos 2010". Modalidade "Rotas coñece Galicia" América

A actividade “Rotas coñece Galicia”, busca proporcionar aos mozos e mozas de fóra de Galicia un mellor coñecemento da nosa terra a través dunha actividade de campamento itinerante.

Listen to this page using ReadSpeaker

1.- Información.

A actividade “Rotas coñece Galicia”, busca proporcionar aos mozos e mozas de fóra de Galicia un mellor coñecemento da nosa terra a través dunha actividade de campamento itinerante, residindo os participantes en tres instalacións de tipo albergue ou residencia xuvenil (en habitacións compartidas) situadas en distintas provincias galegas, cunha permanencia duns 4 días en cada unha delas. 

Complemento das actividades son as prácticas deportivas variadas acordes coa instalación na que se atopen residindo en cada momento (náuticas, de natureza, distintos deportes e xogos, marcha, praia, etc.).

Igualmente prográmanse actividades culturais para o coñecemento da realidade social de Galicia (charlas, proxeccións, visitas a museos ou zonas de interese cultural, etc.).

Tendo en conta que en cada campamento convivirán distintas persoas de distintos países e culturas, é de grande interese que algún membro de cada grupo, traia a Galicia algunhas cousas ou informacións representativas do seu país de orixe que poidan ser utilizadas en actividades interculturais que se realizarán nos campamentos. Por exemplo poden traer algúns folletos turísticos, de información cultural, lendas tradicionais, xogos típicos, músicas, ou algún produto non perecedoiro propio do país.

Este ano participarán no programa 336 mozos e mozas das comunidades galegas no exterior procedentes de Arxentina, Brasil, Cuba, Uruguai, Venezuela Chile, México, Perú, así como de distintas comunidades autónomas de España, e de Portugal.

Precisamente a convivencia entre mozos e mozas de tan variada procedencia demanda a mellor disposición de todos para o respecto e a integración cordial, aspecto no que esperamos que os nosos mozos e mozas do exterior sexan exemplares.

2.- Réxime interno dos campamentos.

Os mozos e mozas, a súa chegada a Galicia, dividiranse en grupos tendo en conta as prazas asignadas pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado á Secretaría Xeral da Emigración en cada campamento, e tamén segundo os tramos de idade dos participantes. Cada un destes grupos rotará por tres instalacións de campamento situadas en diferentes provincias galegas e permanecerá catro días consecutivos en cada unha delas. Na instalación inicial os mozos integraranse con outros procedentes de comunidades galegas do exterior, de comunidades autónomas de España cos que convivirán durante os 12 días que dura o programa.

O equipo de monitores que estará a cargo deles será sempre o mesmo, rotando con eles polas distintas instalacións. O persoal está especializado na organización de actividades de tempo libre e as instalacións contan con persoal sanitario as 24 horas do día.

Como é lóxico, os campamentos funcionan cun réxime interno necesario tanto para o correcto desenvolvemento da convivencia, como dos programas de actividades previstos para eles. Polo tanto, os participantes no programa procedentes do exterior incorporaranse ás actividades de campamento co mesmo réxime interno que o resto dos mozos de Galicia e doutras comunidades autónomas de España, e que será o fixado polo equipo directivo de cada instalación ou rota. Non obstante, con carácter xeral, debe coñecerse que:

2.1.- Deberán ter especial coidado coas súas pasaxes de avión mentres estean no seu poder, e cos seus pasaportes e documentación persoal, da que sería conveniente que trouxeran tamén unha fotocopia. Sempre terán a posibilidade de deixar a súa documentación e o diñeiro que non necesiten utilizar, baixo o coidado do equipo directivo do campamento.

2.2.- Con respecto o diñeiro de peto (bolsillo) que poidan traer os mozos, lémbrase que durante a súa estadía nos distintos campamentos non necesitan realizar gastos, polo que só deberán traer UNHA PEQUENA CANTIDADE, axustada á súa idade, para os gastos menores de carácter persoal e extras que poidan producirse durante a súa estadía.

2.3.- Durante os 12 días que dura o programa, non poderán abandonar as actividades para facer visitas aos seus familiares en Galicia. Terán, se é o caso, a posibilidade de visitalos cando remate o programa. Tampouco está previsto que reciban nas instalacións visitas dos seus familiares. Calquera situación excepcional será resolta por esta secretaría, e normalmente non será a favor no caso de aqueles mozos que teñan pensado prolongar a súa estadía en Galicia unha vez finalizado o programa. Debe entenderse que as visitas e saídas rachan constantemente o ritmo das actividades, descentran aos mozos e inciden no correcto desenvolvemento do programa.

2.4.- Debido á realización de actividades e as saídas programadas, as horas máis axeitadas para a recepción de chamadas urxentes serán das 21:00 ás 23:00 horas (horario de España) ou ben de 15.00 h. A 16.00 h.

2.5.- Non está permitido o consumo de bebidas alcohólicas e de tabaco nos campamentos.

2.6.- En principio non haberá saídas nocturnas a cafeterías, pubs ou discotecas. De haber algunha saída nocturna, sería unha excepción e sempre a criterio dos monitores responsables dos mozos.

3.- Material e equipamento recomendable.

Os participantes deben traer unicamente a equipaxe axustada as datas nas que estarán en Galicia. Como equipamento necesario deben incluír roupa e calzado adecuados para unha actividade deste tipo e ao clima de Galicia: algunha cazadora ou chaqueta, chuvasqueiro, calzado cómodo para camiñar, unha mochila ou bolsa pequena para excursións, toallas, chancletas para ducha, vestimenta deportiva e traxe de baño, gorro de piscina, viseira, útiles de aseo e crema protectora para o sol, bolígrafo e caderno, etc.

Non se deben traer obxectos de valor pois nin a organización, nin o albergue faranse responsables deles e hai que ter en conta que nos albergues haberá moita xente e todos os espazos son comúns.

Recoméndase traer na equipaxe de man unha muda de roupa en previsión de posibles atrasos na recepción das maletas ao chegar a Galicia.

4.- Cobertura sanitaria

Todos os participantes neste programa teñen cobertura sanitaria de urxencia durante o desenvolvemento da actividade, a través dun convenio específico acordado entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

5.- Permanencia en Galicia ao rematar a actividade de campamento.

A duración da actividade de campamento é básica para a integración con outros mozos e mozas de distinta procedencia e para o coñecemento xeral de Galicia.

A experiencia pode completarse, para aqueles que teñen familia en Galicia, mediante a prolongación da súa estadía para pasar uns días de encontro e convivencia cos seus familiares.

Lembrámoslle que todos os participantes que teñan previsto o seu regreso tan pronto como remate a actividade de campamento, sen posibilidade de quedar coa súa familia en Galicia, deberon facelo constar expresamente no apartado correspondente do Anexo B. A secretaría tomará as medidas oportunas para asegurar o seu inmediato regreso ao seu lugar de residencia, acompañando aos mozos ata a súa saída en avión desde Galicia.

Pola mesma razón, os mozos participantes que teñan previsto permanecer cos seus familiares en Galicia, unha vez rematada a actividade de campamento, deberon así mesmo indicalo no apartado correspondente do ANEXO B, optando por unha quenda de regreso, en todo caso orientativa, xa que a data definitiva de regreso a marca a compañía aérea encargada das viaxes para cada país.

Os pais ou titores legais de todos os mozos menores de idade que teñan previsto permanecer en Galicia ao rematar o programa, deberon cubrir en tódolos seus apartados e asinar,a autorización para quedarse en Galicia cos familiares indicados no ANEXO B. Estes familiares serán os que poidan retirar ao mozo ao rematar o campamento acreditándose co seu documento de identidade na instalación final correspondente. Para suplir na recollida á persoa autorizada, o substituto debe presentar, ademais do seu documento nacional de identidade, a fotocopia do documento nacional de identidade, da persoa autorizada.

As datas de retorno aos seus países fixadas polos mozos e seus pais no ANEXO B, unha vez acordadas coa Secretaría Xeral da Emigración e coa axencia de viaxes encargada, SON INAMOVIBLES.

As pasaxes de avión son pechadas polo que os mozos deberán tomar o voo de retorno ao seu país no mesmo aeroporto ao que chegaron, é dicir, no que figura nas súas pasaxes. Non poderán, por exemplo, abordar o avión directamente en Madrid se na súa pasaxe figura que deberán facelo en Santiago de Compostela.

A recollida dos mozos e mozas menores de idade polos seus familiares autorizados terá lugar na instalación final que lles corresponda á súa quenda, obrigatoriamente entre as 9:00 e 11:00 horas do día en que remata a actividade de campamento (12 de xullo ou 28 de xullo, dependendo da quenda na que participen). Os mozos e mozasmaiores de idade poderán abandonar as instalacións, nas datas e horas previstas, sen máis trámite.

6.-Cobertura sanitaria dos participantes que se quedan en Galicia ao finalizar a actividade de campamento.

Informámoslles que o dereito á asistencia sanitaria destes mozos e mozas mantense durante un período máximo de 3 MESES a contar desde o día en que chegaron a España, pero coas seguintes limitacións:

1.- Só asistencia sanitaria de URXENCIA e sen dereito ás medicinas que poidan necesitar fóra do hospital.

2.- Só asistencia sanitaria en territorio do SERGAS (Servizo Galego de Saúde), é dicir, só en Galicia, non no resto de España.

Os mozos e mozas que pensen permanecer máis tempo en España, unha vez rematada a súa estadía nos campamentos, deberán valorar a conveniencia de realizar un seguro privado de atención sanitaria.

Finalmente, para a súa información e a da súa familia en Galicia, xunto con esta circular publicase tamén o cadro de quendas e instalacións, cos enderezos e teléfonos dos albergues e residencias xuvenís nas que residirán os participantes. Cada unha das quendas identifícase cunha letra (da A á H). A quenda asignada a cada participante figurará na resolución de concesión de praza.

Documentación asociada
Documentación asociada
Descargar circular en pdf26.37 KB
Ver quendas e instalacións8.06 KB
1931 lecturas