A cidadanía e empresas non residentes poderán tramitar os seus NIF dende os consulados españois
A Axencia Tributaria e o Ministerio de Asuntos Exteriores asinan un acordo para axilizar a asignación do Número de Identificación Fiscal ás persoas non residentes sen necesidade de acudir a unha oficina da AEAT.
A medida, que supón un paso máis na implantación da Administración electrónica no exterior, arrancará cunha proba piloto en oito oficinas consulares situadas en países con potencial investidor e ampla vinculación económico-financeira con España.

A Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e o Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación asinaron hoxe un acordo de encomenda de xestión en virtude do cal as Oficinas Consulares de España no exterior poderán tramitar a asignación telemática do Número de Identificación Fiscal (NIF) a aquelas e aqueles cidadáns e empresas non residentes en España que así o soliciten. Este novo servizo, que contará cunha primeira fase de probas piloto en oito consulados e vocación de estenderse a mediados de 2014 a outras oficinas consulares, permitirá ás e aos non residentes obter os seus NIF de xeito áxil e sinxelo sen necesidade de desprazarse, nin enviar unha persoa representante, a unha oficina da AEAT.
O acordo, subscrito hoxe polo secretario de Estado de Facenda, Miguel Ferre, e o subsecretario do Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación, Rafael Mendivil, terá por beneficiarias e beneficiarios a aqueles non residentes que pretendan realizar en España unha operación con transcendencia tributaria, situación na que é preceptivo utilizar e consignar un NIF español.
En concreto, a medida de axilización afecta ás e aos solicitantes de NIF tipo 'L' (españois e españolas residentes no estranxeiro que non estean obrigados a contar cun documento nacional de identidade), 'M' (persoas físicas sen nacionalidade española que, de xeito transitorio ou definitivo, non dispoñan do número de identidade de persoa estranxeira) e 'N' (persoas xurídicas e entidades non residentes, sen establecemento permanente en España).
A prestación deste servizo telemático nos consulados, que forma parte do grupo de medidas de simplificación a executar por parte da Comisión para a Reforma da Administración Pública (CORA), implicará vantaxes para a persoa non residente en termos de comodidade e aforro fronte á alternativa do trámite presencial en España, favorecendo así a atracción de investimentos estranxeiros en España.
Nos nove primeiros meses de 2013 tramitáronse máis de 15.100 altas de números de identificación fiscal tipo 'L', 'M' e 'N', os NIF obxecto do novo sistema. Deles, algo máis de 1.300 son altas de cidadás e cidadáns españois non residentes, 2.000 de persoas estranxeiras e máis de 11.800 correspóndense con persoas xurídicas e entidades estranxeiras.
O acordo enmárcase no programa de reformas das Administracións Públicas, respecto á eliminación das trabas administrativas e a simplificación da relación das e dos particulares e empresas coa Administración Xeral do Estado.
Probas piloto e procedemento
Dende este mesmo ano e ata o 1 de xullo de 2014 realizaranse probas piloto do novo sistema nos consulados de Ámsterdam, Bruxelas, Dusseldorf, Frankfurt, Lyon, Nápoles, Porto e Washington; todas elas situadas en países con potencial investidor e ampla vinculación económico-financeira con España. A mediados do ano próximo avaliarase a extensión do servizo a un maior número de oficinas, logo de acordo entre o Ministerio de Asuntos Exteriores e a Axencia Tributaria.
O procedemento de tramitación, totalmente electrónico, está deseñado para simplificar ao máximo a documentación que deben achegar as e os non residentes. Neste sentido, non se esixirán traducións ou legalizacións, salvo que resulte estritamente necesario.
Nun primeiro momento, a persoa solicitante, ou o seu ou a súa representante, dirixirase á Oficina Consular correspondente achegando os datos e documentación necesarios. A continuación, dende o consulado encherase un formulario electrónico que será enviado de xeito automático á AEAT, quen, tamén de xeito inmediato, devolverá o xustificante de obtención do NIF.
Tras a obtención do número de identificación, e contando cunha firma electrónica válida, o cidadán, cidadá ou a empresa non residente poderá declarar e pagar os impostos e taxas que correspondan en España dende o seu país de orixe, accedendo por internet á Sede electrónica da Axencia Tributaria.
A xestión da solicitude e asignación do NIF nas Oficinas Consulares de España resalta dúas das vertentes esenciais do traballo consular: a de ser cabeza de ponte da Administración española no estranxeiro, dando acceso ás persoas non residentes a servizos administrativos, e a de fomentar os negocios con España.
Fonte: Axencia Tributaria
Novas relacionadas



