Chegan a Galicia as 128 primeiras persoas participantes no programa Reencontros na Terra 2011

Mercé a esta iniciativa da Xunta, que se completa co programa Volver á Casa, 192 maiores da diáspora poden retornar temporalmente á Galicia territorial.

A primeira quincena comparten estadía no Carballiño, e despois poden quedar cos familiares ata un total de tres meses.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2011.

As 128 primeiras das 192 persoas participantes no programa Reencontros na Terra, na súa edición deste ano 2011, aterraron este sábado no aeroporto compostelán de Lavacolla, en voos procedentes de Bos Aires, Montevideo, Caracas e La Habana, trala procedente escala en Madrid. O programa, neste 2011, realízase en dúas quendas, tendo prevista a chegada os 71 segundos beneficiarios e beneficiarias o vindeiro 14 de novembro.

O programa Reencontros na Terra, organizado pola Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvido coa colaboración da Secretaría Xeral de Familia e Benestar, ten por finalidade favorecer o achegamento á súa terra e ás súas familias dos emigrantes galegos e galegas de máis de 60 anos de idade que nos últimos 15 anos naturais non participaran en programas de viaxe desta Secretaría Xeral.

En total, participan nas dúas quendas desta edición 192 persoas procedentes de Arxentina, Cuba, Uruguai e Venezuela. Cómpre sinalar que este programa complementa ao programa Volver á Casa, no que Emigración colabora aboando unha porcentaxe do 60% do custe da pasaxe, que no caso dos residentes en Cuba e Venezuela sobe ata o 80%.

Media de 73 anos
Aínda que todos e todas as participantes son maiores de 60 anos, condición sine qua non para beneficiarse do programa, a idade media supera amplamente esta cifra, xa que se aproxima aos 73 anos. Os de meirande idade son unha beneficiaria procedente de Arxentina, que conta con 86 anos de idade, e dous procedentes de Cuba e Uruguai, con 85.

Son 125 emigrantes galegos e galegas que, xunto con 67 cónxuxes, totalizan as 192 persoas que participan na edición deste ano do programa. Son nados nun total de 83 concellos galegos. Sobresaen como municipios nos que naceron máis participantes Malpica, Arteixo e Fisterra na provincia da Coruña; Monforte de Lemos e Palas de Rei na de Lugo; Gomesende en Ourense; e Vigo, Meis, Poio, Redondela e Salvaterra do Miño, na de Pontevedra.

Canto se refire á distribución por países de procedencia, da República Arxentina veñen (sumando os participantes nas dúas quendas) un total de 117, por 54 de Uruguai, 8 de Cuba e 2 de Venezuela, ata completar os 192 totais. Acompáñanos cinco persoas: catro médicos e un coordinador.

Respecto dos 65 cónxuxes, o 64 por cento dos mesmos son nados ou nadas fóra de España (e para moitos deles esta é a primeira oportunidade de pisar solo español), un 6 % naceron en España pero fóra do territorio galego, e o 30 % restante son nados en Galicia, o mesmo que o beneficiario ou beneficiaria do programa.

O proceso
A finalidade desta iniciativa da Xunta é que os e as participantes redescubran as súas raíces, tanto de tipo cultural, social, gastronómico, ou folclórico, como sobre todo familiar, poñéndose en contacto coa realidade do seu país de orixe e propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias, e o intercambio de experiencias co resto dos participantes.

O prazo de presentación de solicitudes rematou o pasado 16 de xullo. As solicitudes foron avaliadas seguindo os criterios de percepción da pensión asistencial por ancianidade do Estado español, e a idade do solicitante, segundo o baremo descrito na correspondente convocatoria publicada no DOG.

Para informar sobre as cuestións relativas ao programa celebráronse reunións informativas previas nos diferentes  países nas que participaron os beneficiarios e beneficiarias e nas que interviñeron persoal das delegacións ou, no seu caso, das entidades colaboradoras; os médicos acompañantes no relativo aos temas de coidado da saúde (en Arxentina e Uruguai) ou o coordinador acompañante (no caso de Cuba); e persoal designado pola axencia de viaxes adxudicataria do concurso público, no tocante aos asuntos de embarque, conexións, pasaxes, etc.

A estadía
O programa desenvólvese ao longo de tres meses, con dúas fases diferenciadas. A primeira delas consiste nunha estadía de dúas semanas, totalmente gratuíta, na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, en réxime de pensión completa, desenvolvendo actividades recreativas e culturais axeitadas aos participantes, e con excursións, en transporte colectivo, a distintos lugares para un mellor coñecemento da Galicia de hoxe en día. Inclúe unha visita a Santiago de Compostela con percorrido pola cidade monumental, e a recepción institucional. Tamén realizarán outra visita de día completo a outra cidade galega e polo menos dúas de medio día a lugares salientables do entorno da Residencia, como poden ser a vila de Ribadavia, ou a Ribeira Sacra.

Canto á segunda fase, esta consiste nunha estadía cos seus familiares de Galicia, cos que poden estar ata completar un tempo máximo de tres meses. Trátase dun complemento á estadía “oficial” que supón para moitos das persoas beneficiarias unha oportunidade única de atopar as súas raíces máis senlleiras e persoais, e redescubrir as ligazóns familiares deixadas atrás, pero non por iso esquecidas.

1180 lecturas