Castelao Bragaña, novo director xerente da Fundación Galicia Emigración

Ex-presidente do Consello Xeral da Emigración e deputado autonómico na última lexislatura, o novo responsable ten un percorrido vital e profesional moi vencellado á emigración.

Confía que neste labor solidario se sumen outros inversores e aposta por sufragar coa administración, na medida do posible, “a disminución do presuposto que viu facendo o goberno anterior en detrimento dos máis necesitados”.

Listen to this page using ReadSpeaker
27 de xullo de 2009.

José Manuel Castelao Bragaña vén de ser nomeado como novo director xerente da Fundación Galicia Emigración. Quen fora presidente do Consello Xeral da Emigración asume agora esta responsabilidade “con ánimo de continuala e mellorala”, afirma.

Castelao Bragaña, ex-presidente do Consello Xeral da Emigración e deputado autonómico na última lexislatura, ten un percorrido moi vencellado á emigración e agradece “a oportunidade de poder seguir traballando nunha causa como a Fundación Galicia Emigración, que nace cargada de sensibilidade e nun momento moi angustiante da comunidade galega no exterior”, sostiña, facendo así alusión ás dificultades que atravesaba a diáspora na Arxentina a fins de 2001.

O recén nomeado director xerente da entidade estudia “crear novos plans e incrementar os anteriores proxectos que ten encomendados a Fundación”, asegura, así como sumar “novos inversores ao patronato contando co apoio incondicional da administración” e así sufragar “a disminución do presuposto que viu facendo o goberno anterior en detrimento dos máis necesitados”. 

Fundación Galicia Emigración
A Fundación Galicia Emigración foi creada en 2002 co obxetivo de solidarizar á sociedade civil galega na axuda aos residentes do exterior e así dar unha resposta áxil i eficaz ás dificultades xeradas pola situación de profunda crise que estaban a vivir nos países de América Latina, especialmente no país austral. Asimesmo, e desde a súa posta en funcionamento promove activamente actuacións e desenrolo de proxectos no eido de atención social, inserción sociolaboral, información e asesoría para as migracións, cultura emprendedora, sensibilización social, difusión cultural e análise das migracións.

O órgano está presidido polo secretario xeral de Emigración, Santiago Camba. Ocupan o cargo de Presidente de honra o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. A formación constitucional do seu patronato está integrada e capitalizada por diversas empresas galegas, ademais da Administración autonómica. 

Currículo moi vencellado á emigración
José Manuel Castelao Bragaña naceu en Valga (Pontevedra, 1941), de onde é “Fillo Predilecto”. Sendo moi novo tivo que emigrar á Arxentina e desde sempre estivo moi vencellado á actividade das comunidades galegas no país austral como o Centro Galego de Bos Aires ou a institución da Estrada na capital arxentina.

Licenciado en Dereito e Ciencias Sociais exerceu como procurador, avogado e notario. No ano 1998 foi elixido como Presidente do Consello Xeral da Emigración, cargo que deixou para exercer na última lexislatura como deputado no Parlamento de Galicia.

2545 lecturas