A Casa de Galicia en Madrid acolle a presentación do libro "El azabache y su cultura en la península ibérica", de Ángel Cardín Toraño

Ademais do autor, interviñeron o político Joaquín Leguina e o delegado da Xunta en Madrid, José Ramón Ónega.

De esquerda a dereita: Ángel Cardín Toraño, Joaquín Leguina e José Ramón Ónega
De esquerda a dereita: Ángel Cardín Toraño, Joaquín Leguina e José Ramón Ónega
Listen to this page using ReadSpeaker
Madrid, 6 de novembro de 2014.

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia acolleu hoxe a presentación do libro El azabache y su cultura en la Península Ibérica, do economista e colaborador da Gran Enciclopedia Gallega Ángel Cardín Toraño, publicado por Edicións Xerais de Galicia. A obra, froito de dúas décadas de investigacións, explica todo o relacionado co acibeche, amuleto do Camiño de Santiago que foi usado na prehistoria, na época castreña e en épocas modernas e que ten profundas raíces en Galicia e Asturias.

Na presentación interviñeron, ademais do autor, o político, expresidente da Comunidade de Madrid, Joaquín Leguina e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega, a quen o acibeche lle recordou as tendas próximas á Catedral de Santiago, cuxos escaparates contemplaba curioso cando era estudante, e ao comercio de acibeche que exercían o pobo xudeu en Galicia, que refire no seu libro Os xudeus no Reino de Galicia. Á obra de Cardín atribuíulle as calidades áxil, precisa e proveitosa.

Leguina referiuse ao libro como unha "notable investigación, realizada por un amigo, que o é dende a nosa xuventude. Unha obra cabal. Un gran traballo intelectual" e "unha mostra de como se debe investigar en calquera rama do coñecemento: un tratamento exhaustivo, afastado das minucias que tan frecuentemente se publican sen dar unha visión xeral do fenómeno estudado". "Trátase dun traballo ameno, unha investigación multidisciplinar e equilibrada dende todas as perspectivas relevantes: históricas, científicas, museísticas e lingüística que contén tamén unha valiosa investigación de campo en minas e gremios de azabacheros que nos trae notables descubrimentos propios", culturais e etnográficos

Cardín explicou que "o libro resume o esforzo de moitos anos polo amplo da tarefa abordada: as minas, os laboratorios, os gremios de azabacheros (en Asturias e Galicia), o Camiño de Santiago, os museos, os mitos e referencias históricas, etc.". Sinalou que a importancia histórica do acibeche "foi máis como medicina e amuleto que como xoia ata o gran 'boom' do Camiño, en que se converte no amuleto e recordo da peregrinación durante 400 anos. Gaña prestixio e notoriedade ata o punto de que os fillos do Rei, en pleno século XVII, levan colgantes protectores de acibeche", expuxo, recordando que "en Santiago hai un centenar de tendas que venden xoíñas de prata e acibeche e este ano case se achegan a 250.000 os peregrinos a pé que recordan tempos pasados, nos que o acibeche está presente e salutífero como sempre".

716 lecturas