A Casa de Galicia en León celebrou o seu 50º aniversario

Lucía Portela Silva representou á Secretaría Xeral da Emigración na celebración do medio século de vida da entidade
Lucía Portela Silva representou á Secretaría Xeral da Emigración na celebración do medio século de vida da entidade
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2017.

Lucía Portela Silva, xefa do Servizo de Apoio Técnico e Contratación, representou onte á Secretaria Xeral da Emigración durante a celebración do 50º aniversario da Casa de Galicia en León, efeméride que culminaba as actividades conmemorativas deste medio século de vida. Portela Silva recoñeceu o labor de difusión da cultura e tradicións galegas desenvolvidas neste período pola Casa de Galicia.
 

Centro de estudo e difusión da cultura galega, a entidade conta cun gran complexo social, cunhas completas instalacións recreativas e deportivas que foi inaugurado en xuño de 1992. Nas instalacións ao aire libre dispón de pista polideportiva, circuíto de exercicios físicos, petanca, baloncesto, balonmán, birlos leoneses, canchas de tenis, campo de fútbol, voley-praia, parque infantil, piscinas (unha climatizada), zonas verdes, saunas (secas e de vapor), bañeiras de hidromasaxe, ximnasio, etc. As instalacións de tipo social contan con salón social, bar, restaurante, discoteca, sala de lectura, biblioteca -cuns 1.450 volumes, dos que 1.000 son obras de temática galega-, gardería infantil e salón xuvenil. 

Ao longo deste percorrido a Casa de Galicia de León ten demostrado que a morriña non é cousa de cantidade senón de calidade, un sentimento que se vive por igual a 30 que a 3000 km. de distancia, sentimento de pertenza á nosa terra subxacente a todas as comunidades galegas; o seu traballo arreo; e a súa relevancia como embaixadora da promoción de Galicia na provincia veciña, na que residen preto de 12.000 galegas e galegos.

795 lecturas