Carlos Iglesias volve a Suíza con «2 francos, 40 pesetas»
A segunda parte da exitosa película sobre a emigración narra o reencontro dos dous protagonistas seis anos despois.
A brecha social entre Suíza e España nos 60 conquistou público e crítica. Así que non é de estrañar que agora o director Carlos Iglesias retomase esa mesma historia e rode 2 francos, 40 pesetas. A película, cuxos primeiros traballos se desenvolven dende o pasado luns en varios pobos suecos, terá de protagonistas os mesmos personaxes. Nesta ocasión, os amigos Martín e Marcos reencóntranse seis anos máis tarde da súa emigración.
En liña continuísta coa exitosa Un franco, 14 pesetas, o novo filme afondará nos cambios da nova xeración, represantados en Pablo, o fillo de Martín. Será o mozo, agora con 18 anos, o que queira descubrir outras formas de vida en Suíza.
O filme está gravado con tons de comedia e un trasfondo social que estuda cuestións actuais como a identidade das persoas emigrantes ou os problemas para encontrar saída das mozas e os mozos en España.
A rodaxe continuará en España en setembro e nela aparecerán, como no primeiro traballo, os actores Carlos Iglesias, Javier Gutiérrez, Nieve Medina e a galega Isabel Blanco.
O obxectivo é continuar co éxito da primeira parte, que se estreou en 45 países e pola que Iglesias recibiu unha nominación ao Goya como mellor director novel.
«Creo que seis anos é a medida perfecta, na ficción e na realidade, para ter perspectiva e capacidade de análise sobre a evolución dos personaxes e as súas circunstancias», explicou o director e protagonista da película. Na repartición aparecerán tamén novos actores e actrices como Tina Sainz e a colaboración especial de Lolita Flores.
Fonte: La Voz de Galicia | Foto: culturagalega.org
Novas relacionadas




