Camba pide en México á cónsul de España que non poñan trabas na obtención da documentación para a tarxeta do Sergas
O secretario xeral da Emigración, de visita no D.F., xa expuxera este asunto ao subsecretario de Exteriores, sen que teña recibido resposta ata o momento.
O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, e mailo presidente do Centro Galego de México, Luís Piñeiro, reuníronse o pasado venres na capital azteca coa cónsul adxunta do Reino de España nos Estados Unidos de México, María Palacios, actual máxima autoridade diplomática do Estado, en ausencia de cónsul xeral.
A finalidade da xuntanza foi estudar a causa das atrancos que moitos galegos residentes nese país americano teñen á hora de poder completar o proceso administrativo para solicitaren a tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Esta tarxeta permite aos emigrantes galegos en México, durante as súas estadías por vacacións ou por asuntos familiares, gozar das mesmas prestacións sanitarias ca os galegos residentes na Galicia territorial.
A Secretaría Xeral da Emigración ten xa denunciado publicamente retrasos na obtención dos documentos necesarios para que o emigrante obteña esta tarxeta. Concretamente, é necesario que ao beneficiario lle expidan comprobacións e certificacións do PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro) e do CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes), que ultimamente se retrasan ou mesmo resultan imposibles, sen que medie por parte do Consulado explicación ningunha.
Xa pasara en Uruguai
A este respecto, Camba xa se dirixiu ao subsecretario de Asuntos Exteriores e Cooperación, Antonio López, para facerlle partícipe da preocupación crecente entre o colectivo de galegos en México, sen que ata o momento o mandatario galego recibise resposta, polo que hoxe quixo explicar este asunto en persoa á cónsul adxunta.
No caso de México, como anteriormente no de Uruguai, foron moitos máis os emigrantes galegos que solicitaron a tarxeta sanitaria galega expedida polo Sergas cós que pediron a homónima expedida polo Ministerio de Sanidad y Consumo. A emitida pola Comunidade Autónoma resulta máis operativa, razón pola cal o secretario xeral da Emigración urxe a Exteriores a colaborar na tramitación áxil dos referidos certificados.
Novas relacionadas