Camba asiste á Festa Campestre do Centro Galego de México no centenario da súa fundación

O Secretario Xeral da Emigración insistirá ante a diplomacia española para solucionar as trabas que atopan os emigrantes galegos no país azteca á hora de obter a documentación necesaria para a tarxeta sanitaria do Sergas.

Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, participou a mediodía de onte (hora local, noitiña en Galicia) na Festa Campestre do Primeiro de Maio que organiza anualmente o Centro Galego de México, nas súas instalacións no distrito de Iztapalapa. No evento, un dos máis populares da diáspora galega, os organizadores contaban coa presenza de 4.000 persoas integrantes do colectivo de emigrantes galegos na capital dos Estados Unidos de México. Ademais, este ano a celebración coincidía co ano do centenario da institución organizadora.

Antes de acudir ao evento, Camba cursou visita ás instalacións do Centro e tivo ocasión de departir co seu presidente, Luís Piñeiro, quen informou ao secretario xeral da Emigración de algúns dos asuntos que interesan e preocupan aos galegos en México. Entre estes asuntos, destaca que no consulado español no país azteca se están detectando dificultades para conseguir a documentación necesaria para que os emigrantes obteñan a tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Esta tarxeta permite aos emigrantes galegos en México, durante as súas estadías por vacacións ou por asuntos familiares, gozar das mesmas prestacións sanitarias ca os galegos residentes na Galicia territorial

A Secretaría Xeral da Emigración ten xa denunciado publicamente retrasos na obtención dos documentos necesarios para que o emigrante obteña esta tarxeta. Concretamente, é necesario que ao beneficiario lle expidan comprobacións e certificacións do PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro) e do CERA (Censo Electoral de Residentes Ausentes), que ultimamente se retrasan ou mesmo resultan imposibles, sen que medie por parte do Consulado explicación ningunha. De feito, o día anterior á Festa Campestre, o propio Camba se entrevistou coa cónsul adxunta en México, María Palacios, para interesarse por este asunto, como xa fixera ante o subsecretario de Exteriores, Antonio López.

Un referente da diáspora
O Centro Galego de México nace en 1911 tras unha xuntanza para organizar o Orfeón Gallego de México, brote do que será a actual organización. Xa nos seus primeiros pasos conta con centenares de asociados, estando arestora a piques de acadar os 10.000, unha cifra que o converte nun dos centros referenciais da diáspora galega.

O Centro realiza exposicións de pinturas, conferencias, clases de gaita, de baile, de cociña e traxes galegos, e idioma. E no terreo deportivo, imparte clases de diversas disciplinas. O seu domicilio social está nas rúas Colima No. 194, Colonia Roma, na Cidade de México, Distrito Federal. Trátase dunha antiga mansión de tipo francés de principios do século XX, que conta con oficinas administrativas, sala-cafetería, biblioteca, salón de trofeos deportivos, billares, restaurante, patio, salón de dominó, salón de eventos con anexo (para ata 1.200 persoas), sala de xuntas, outra de visitantes, cociña, baños e bodegas. Cabe salientar, desde o punto de vista arquitectónico, a fermosura da escalinata con columnas que dá acceso ao andar principal.

O Centro conta asemade cunha delegación no distrito de Iztapalapa, tamén na Cidade de México D.F., onde onte tivo lugar a Festa Campestre, coincidindo co Día Internacional do Traballo, primeiro de maio.

Esta delegación ten aproximadamente 100.000 metros cadrados, con estacionamento para 800 vehículos, oficinas administrativas, salón de eventos para 2.000 persoas, damas, vestidores con baños e servizo de vapor, catro canchas de tenis, dúas de voleibol, dous campos de fútbol semi profesionais, un campo de fútbol para nenos e un "campiño" para adestramento, ximnasio, salón de eventos múltiples, grandes extensións de xardinería arborada, tres instalacións tradicionais para comidas familiares, outra máis de dous pisos acristalada para lectura, descansos e TV, asadores de carne, área de xogos infantís, salón-restaurante para 300 persoas, salón de futbolín e tenis de mesa, baños, bodegas, área de mantemento.

1623 lecturas