Camba celebra cos galegos e as galegas de Londres o ‘Día da Galicia exterior’ na capital británica

O acto ten lugar cada ano no Instituto Cañada Blanch, un referente de recoñecida excelencia no ámbito educativo.

Listen to this page using ReadSpeaker
24 de xuño de 2012.

Centro Galego de LondresO secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, vén de participar no ‘Día da Galicia Exterior’ de Londres, organizado cada ano polo Centro Galego da capital británica, fundado no ano 1968 e que na actualidade preside Nicolás Miño.

Esta actividade lúdica e de confraternidade reúne a unha parte considerable das numerosas colonias galega e española residentes naquela cidade, e ten lugar no Instituto Español Cañada Blanch, na zona de Westminster, un centro educativo con recoñecida excelencia, e enclave de especial simbolismo para a diáspora española.

Vicente Cañada Blanch, empresario valenciano afincado en Londres, foi un benefactor das e dos emigrantes galegos e españois en Inglaterra, e deixou no seu testamento un fondo económico destinado a manter o Instituto Español que leva o seu nome, e que arestora é un exemplo para o estudo do español en Londres, e o centro educativo por excelencia para os fillos, fillas, netos e netas da colectividade española.

Recordo permanente
Na súa alocución, Santiago Camba gabou a pegada dos galegos e as galegas en Londres, e a capacidade de respecto e absorción de novas culturas da sociedade británica. Tamén fixo fincapé na necesidade de afondar nas relacións internacionais nestes tempos de incerteza no ámbito financeiro, e sinalou que o Goberno autonómico “nunca esqueceu, nin esquecerá xamais” aos galegos e ás galegas da diáspora.

Ao acto acudiron, ademais do secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, diversas autoridades locais e representantes de entidades galegas e españolas no Reino Unido, e tamén o director xeral de Migracións do Goberno Central, Aurelio Miras.

834 lecturas