Camba asina o cuarto dos convenios para a mellora das condicións das e dos emigrantes galegos en Venezuela

Trátase de acordos para atención socioasistencial destinados fundamentalmente a persoas maiores que quedaron sen a cobertura médica máis básica.

Listen to this page using ReadSpeaker
3 de xuño de 2012.

Secretaría Xeral da Emigración - Xunta de GaliciaO secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, ven de asinar a pasada noite en Valencia de Venezuela (madrugada de hoxe en Galicia) un convenio para a atención das necesidades socio-asistenciais básicas dos cidadáns galegos e galegas residentes naquela cidade.

O acordo involucra, ademais de á Secretaría Xeral da Emigración, á Hermandad Gallega de Valencia, que preside Manuel Fajín, e ao Consorcio Galego de Igualdade e do Benestar, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, cuxa máxima responsable é Beatriz Mato. Mercé a ese acordo, as tres partes garanten a continuidade da atención ao colectivo de emigrantes galegos e galegas no Centro de Día dependente da Hermandad.

Trátase da renovación dun acordo que permite a asistencia sociosanitaria elemental para unha boa parte dos galegos e as galegas residentes naquela cidade venezolana, que quedarían desprotexidas sen o importante labor que realiza neste eido a Hermandad. O acordo achega vinte mil euros, destinados en exclusiva a paliar as necesidades socio-asistenciais máis básicas da diáspora galega.

Catro en total
Trátase do cuarto convenio que Camba asina estes días en Venezuela, despois de que estampara a súa sinatura noutros tres en Caracas. O primeiro deles para dar cobertura sanitaria básica, a través da Hermandad Gallega de Venezuela, a cidadáns galegos e galegas que quedaron en pleno desamparo socioasistencial debido a modificacións nas prestacións asistenciais naquel país; o segundo, para o desenvolvemento do Servizo de Axuda a Domicilio, a través da Fundación Española de Emigrantes Dependentes; e o terceiro (moi similar ao asinado en Valencia) para garantir a continuidade da atención ao colectivo de emigrantes galegos e galegas no Centro de Día da Hermandad Gallega sita en Caracas.

Sumando as achegas de cada un dos catro acordos, o montante total das axudas da Xunta de Galicia para as entidades da diáspora venezolana, e para este obxectivo da asistencia sociosanitaria básica, ascende a cen mil euros.

Asemade, e como xa fixera en Caracas, Santiago Camba aproveita a súa viaxe por Valencia de Venezuela para intensificar o contacto coa directiva local, nun país coma este que está a sufrir de maneira moi acusada as consecuencias da crise económica, e que vive moi duros momentos de conflitividade política e violencia nas rúas.

828 lecturas