Bos Aires celebrou a Galicia
A chuvia frustrou o intento de conseguir o récord mundial de muiñeira.
A cidade de Bos Aires organiza unha serie de eventos especiais nos que dedica un día a un país ou a unha cidade que teña relación coa súa historia.
Onte, baixo o lema Bos Aires celebra a Galicia, tivo lugar unha verdadeira festa apenas embazada por unha chuvia máis molesta que forte. Para esta celebración viaxaron a Arxentina o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e o bispo de Ourense, José Lemos Montanet. O Día de Galicia serviu para adornar a tradicional avenida de Maio no centro da cidade con máis de 70 quioscos e escenarios nos que se puideron degustar algúns pratos da cociña típica e ver danzas do folclore galego.
Ao longo da rúa, representando o Camiño de Santiago, houbo postos montados por cada un dos centros rexionais participantes. Xusto ao final da Avenida -que recorda á Gran Vía madrileña-, na Catedral Metropolitana, celebrouse a misa, o primeiro dos actos dos festexos, no que se incluíu unha procesión do Apóstolo Santiago como broche final.
Foi o Camiño de Santiago despois o que cobrou protagonismo, con múltiplas accións didácticas, lúdicas e expositivas sobre a súa importancia histórica, monumental, cultural e turística. «Rianxeira» e muiñeira Centos de galegos e as súas familias encheron a catedral e a avenida de Maio onde gozaron moitos con morriña, de música e bailes da súa terra, e ata houbo unha entoación colectiva da popular Rianxeira.
Como prato forte da xornada, a colectividade galega en Arxentina preparouse para intentar bater un récord mundial e ingresar no Libro Guinness de los Récords coa muiñeira con máis participantes do mundo. Para houbo máis de 600 bailarins ataviados cos seus traxes tradicionais e 300 músicos representando institucións galegas radicadas en Bos Aires, La Plata, Mar do Prata, Córdoba, Rosario, Santa Fe, e Porto San Julián. Máis dun centenar de voluntarios dinamizaron esta actividade e propuxéronse documentar o baile multitudinario mediante fotografías panorámicas. Para obter unha constancia fidedigna do acto, a colectividade galega dispuxo mesmo dun dron para filmar os bailarins. Todo estaba preparado. Non obstante, no último momento a chuvia e un vento destemperado dispersaron os participantes polas rúas estremeiras e moitos refuxiáronse en bares ou nos seus vehículos, polo que foi imposible convocar os participantes a pesar do denodado esforzo dos organizadores.
Fonte: GlobalGalicia
Novas relacionadas




