Millóns de residentes na capital Arxentina poderán coñecer a nosa terra, e o Camiño de Santiago, grazas a ‘Buenos Aires Celebra Galicia’, que terá lugar o vindeiro 14 de setembro

Máis de mil persoas pertencentes ás comunidades galegas naquel país participan na organización dun evento que converterá Galicia, e o Camiño de Santiago, nos epicentros da actividade social e cultural da capital pratense, co apoio da Xunta trala invitación do Goberno da Cidade.

A Xunta súmase á iniciativa levando por vez primeira ao outro lado do Atlántico a área expositiva ‘Galicia, Pórtico Universal’, que presenta a realidade e actualidade galegas.

Susana Seivane e o Bruxo Queiman porá o broche de ouro a unha xornada na que haberá atraccións e espectáculos protagonizados polos membros das comunidades galegas.

Preténdese bater o ‘record’ de participantes nunha muiñeira.

A veciñanza de Bos Aires poderá contemplar o primeiro coche realizado integramente na Arxentina, de máis dun século de antigüidade, obra do emigrante galego Manuel Iglesias.

‘Buenos Aires Celebra Galicia’
‘Buenos Aires Celebra Galicia’
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2014.

Galicia será a protagonista da vida social e cultural arxentina o vindeiro domingo 14 de setembro, mercé á iniciativa ‘Buenos Aires celebra Galicia’ que terá lugar na Avenida de Maio, e rúas e prazas adxacentes, durante toda a xornada. Así, terán lugar diversas expresións artísticas e plásticas que atraerán ás e aos bonaerenses para que accedan á imaxe real e actualizada da Galicia moderna e competitiva, á vez que afondan no coñecemento da súa cultura tradicional.

Os asistentes poderán gozar das actividades musicais, teatrais, e espectáculos de diversa índole, que organizan as comunidades galegas naquel país, en diversos escenarios dispostos na zona reservada para o evento polas autoridades municipais. Son accións que terán como denominador común a interactividade, pois a prioridade é fomentar a participación da xente que se achegue ou pase polo lugar.

Diversos grupos musicais e teatrais, todos eles vinculados a centros da diáspora, ofrecerán ao longo de todo o día espectáculos de rúa, e tamén nos escenarios, para tódalas idades. Medio centenar de entidades galegas na Arxentina teñen xa confirmada a súa participación, con presenza asegurada en cadanseu stand, e achegas á festa xeral mediante accións de tipo cultural, gastronómica, ou de proxección exterior de Galicia.

Cómpre salientar que estas comunidades galegas proceden, ademais de Arxentina, de países da contorna: Chile e Uruguai. E, dentro da Arxentina, é tamén variada a procedencia das comunidades que participan no evento con achegas que o público poderá coñecer e gozar; así, participarán entidades de Rosario, Santa Fe, Mar del Plata, e Patagonia.

Pórtico Universal
Asemade, para sumarse á gran celebración da Galeguidade na Arxentina, a Xunta levará a Bos Aires –dando así por vez primeira o salto alén o océano- a área expositiva ‘Galicia, Pórtico Universal’ , que neste ano visita outras cidades de España e Europa (Barcelona, Hamburgo, Vitoria e Córdoba). Trátase dun espazo “que pon en valor os tesouros culturais, turísticos, gastronómicos, e artesanais de Galicia, en definitiva a cultura e calidade galegas”, segundo expresión do propio secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

“Galicia, Pórtico Universal” naceu froito da colaboración da Consellería do Mar e do Medio Rural, Artesanía de Galicia, a Axencia de Turismo de Galicia, a propia Emigración. Trátase dunha infraestrutura sinxela e versátil para a promoción exterior da Comunidade Autónoma, que inclúe unha exposición de artesanía galega, mostras de produtos alimentarios galegos non perecedoiros con denominación de orixe ou marca de calidade, demostracións en vivo de actividades artesás galegas, cadansúa área de información de Turgalicia e Xacobeo, e unha aula profesional de cata.

Este ano, ademais, inclúe como novidade salientable diversas expresións culturais adaptadas a cada cidade visitada, e tamén a exposición de produtos de cadanseu consello regulador dos produtos agroalimentarios amparados por denominación de orixe ou indicativo xeográfico protexido que participan na iniciativa.

Programa
A sucesión de actividades comeza cunha procesión na honra do Apóstolo Santiago, desde a catedral metropolitana e ata a propia Avenida de Maio, trala celebración dun oficio relixioso. Será o Camiño de Santiago despois quen cobre protagonismo, con múltiplas accións didácticas, lúdicas e expositivas sobre a súa relevancia histórica, monumental, cultural e turística.

Un dos actos destacados neste eido será a entrega das compostelas (credenciais do Camiño) aos rapaces participantes na edición de 2014 do programa ‘Conecta con Galicia’, da Secretaría Xeral da Emigración. Trátase da segunda ocasión en que se entregan fóra de Santiago; a primeira vez foi precisamente o ano pasado, tamén en Bos Aires, e tamén para os rapaces participantes neste programa.

Durante todo o día, serán ducias as actividades paralelas de carácter lúdico, teatral, musical e cultural de toda índole que tentarán aos viandantes. Entre as diversas atraccións para os visitantes, cómpre salientar a presenza do primeiro coche realizado integramente na Arxentina, que aínda está en funcionamento, e que fabricou entre 1903 e 1907 Manuel Iglesias, un emigrante galego na localidade arxentina de Campana. Precisamente esta municipalidade –actual propietaria do vehículo, e por este motivo recoñecida oficialmente como “berce do automóbil arxentino”- dou o nome deste emigrante galego ao museo local.

Tamén terá lugar unha multitudinaria muiñeira –preténdese bater o record de participantes- e a entoación conxunta, por parte de tódolos integrantes das comunidades galegas en Arxentina presentes no evento, dunha das cancións tradicionais máis populares dentro e fóra da Galicia territorial, a Rianxeira.

Finalmente, o concerto de peche de tan histórica xornada levará ao escenario a unha das artistas galegas de máis sona internacional, a gaiteira Susana Seivane, e o fin de festa correrá a cargo do espectáculo de lume, luz, maxia, música e xogos que desenvolve o Bruxo Queiman.

Agradecemento
‘Buenos Aires celebra Galicia’ é froito do acordo acadado na primavera entre o secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, e o subsecretario de Dereitos Humanos e Pluralismo Cultural do Goberno da Cidade de Bos Aires, Claudio Avruj, para buscar pontes de promoción da Galicia actual na capital arxentina.

Coa acción en Bos Aires, “as comunidades galegas queren amosar publicamente a inmensa gratitude do pobo galego cara esta cidade, por ser a sociedade receptora durante décadas de milleiros de paisanos. Bos Aires botounos unha man nos peores tempos, e aínda hoxe é o fogar de máis de 100.000 galegos, e queren recoñecerllo e agradecerllo”, afirmou Miranda.

En imaxes
1172 lecturas