Baleares e Galicia colaborarán no impulso ao Centro Galego de Mallorca

Rodríguez Miranda devolveu visita á súa homóloga no arquipélago mediterráneo, Antònia María Estarellas, para afondar no camiño da colaboración entre ambas comunidades autónomas, especialmente no pulo ao Centro Galego de Mallorca.

O secretario xeral da Emigración coñeceu asemade a sede social da entidade, que conta con máis de trescentos asociados e asociadas.

  • Miranda e a directora xeral de Cooperación e Inmigración do Govern balear na reunión desta mañá, na que tamén estivo presente a presidenta do Centro Galego de Mallorca
    Miranda e a directora xeral de Cooperación e Inmigración do Govern balear na reunión desta mañá, na que tamén estivo presente a presidenta do Centro Galego de Mallorca
  • Miranda, onte, na xuntanza que mantivo cos socios e socias do Centro Galego da capital balear, que conta con máis de trescentas persoas asociadas
    Miranda, onte, na xuntanza que mantivo cos socios e socias do Centro Galego da capital balear, que conta con máis de trescentas persoas asociadas
  • Miranda, onte, na xuntanza que mantivo cos socios e socias do Centro Galego da capital balear, que conta con máis de trescentas persoas asociadas
    Miranda, onte, na xuntanza que mantivo cos socios e socias do Centro Galego da capital balear, que conta con máis de trescentas persoas asociadas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2014.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, devolveu esta mañá visita á directora xeral de Cooperación e Inmigración do Govern balear, Antònia María Estarellas, nunha reunión na que estivo tamén presente a presidenta do Centro Galego de Mallorca, Carmen González Moreno. Estarellas achegárase en novembro pasado ata Galicia para coñecer de primeira man o sistema de funcionamento, e intercambiar experiencias, co departamento da Xunta encargado das relacións coa diáspora.

Na súa xuntanza deste venres, directora xeral e secretario xeral puxeron de manifesto a súa firme intención de estreitar lazos entre ambas administracións, de maneira que as experiencias de cada departamento poidan servir de bagaxe común naquelas materias en que se atopen coincidencia de obxectivos. Ambos mandatarios comprometéronse asemade a estudar nas vindeiras datas fórmulas concretas para dar impulso á actividade do Centro Galego de Mallorca, que Estarellas definiu como unha “entidade moi dinámica”, e Miranda como “todo un exemplo de integración na sociedade de acollida”.

Trala reunión, os dous altos cargos reuníronse coa xunta directiva do Centro, ata cuxas instalacións se achegara Rodríguez Miranda a tarde anterior para poder departir coas socias e socios da entidade e asistir a un ensaio do grupo coral da entidade. O Centro mallorquino e o Centro Social e Cultural Galego de Eivisa configuran a presenza social galega nun arquipélago no que, segundo datos do INE, residen preto de 11.000 galegas e galegos.

Integración na sociedade de acollida
O Centro Galego de Mallorca conta con máis de trescentas persoas asociadas, a inmensa maioría das cales son galegos e galegas de nacemento. Posúe un local en propiedade de catro andares e planta baixa, cunha superficie de máis de mil metros cadrados, un dos máis grandes de entre as comunidades galegas en España. Na primeira planta conta cunha sala de actos e exposicións ben coñecida da poboación local.

A entidade desenvolve numerosas actividades sociais, culturais e recreativas con relevante difusión na sociedade de acollida. Entre elas, destaca a celebración da Semana das Letras Galegas, durante a que se celebran exposicións, concursos infantís, actuacións folclóricas internacionais, conferencias, etcétera, con ampla participación de residentes na illa.

1073 lecturas