Autores de Sada, Cambados e Rianxo gañan a outros vinte e un no "Certame de Ilustración A Emigración"

O xurado concedeu o primeiro premio á obra dunha autora da localidade coruñesa de Sada.

Listen to this page using ReadSpeaker
29 de setembro de 2009.

No Certame de Ilustración A Emigración, convocado pola Fundación Comarcal A Mariña Central e polos Concellos de Alfoz e O Valadouro, presentáronse unhas vinte e catro obras. Entre estas, o xurado concedeu o primeiro premio á obra dunha autora da localidade coruñesa de Sada, o segundo a unha dun creador de Cambados e o terceiro, a unha dun ilustrador do municipio coruñés de Rianxo.

O tema
A emigración e as sociedades filantrópicas creadas polos galegos en ultramar foi o tema dun certame co que se pretende recoñecer o labor dos que investiron parte do diñeiro que conseguían traballando no estranxeiro en, por exemplo, crear escolas como as decenas que hai na Mariña.

Emigración en serie, a obra presentada pola sadense Sabela Peinado Casal, recibirá o primeiro premio, 1.200 euros en metálico e a publicación do seu traballo na revista Búsola. Partida, orixinal do cambadense Eduardo Pérez Baamonde, obtivo o segundo premio, 600 euros en metálico. E A xente que marcha, ou queda, do rianxeiro Noel Pérez Fungueiriño, fíxose acredora do terceiro galardón, 300 euros en metálico.

O xurado integrárono, como presidenta, Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo; e como vogais, os escultores Daniel Río, Caxigueiro, e Juan Puchades Quilis; así como Paz Quiroga, profesora de Plástica no IES Alfoz-O Valadouro. Manuel Valín, xerente da Fundación Comarcal A Mariña Central, exerceu de secretario, con voz pero sen voto.

1276 lecturas